A Xunta destaca o papel do Mercado da Estrela na dinamización comercial da Artesanía de Galicia de cara ao Nadal

  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe a 13ª edición deste evento que se celebra ata mañá en diferentes localizacións do casco antigo de Santiago de Compostela e que xa é un referente nos eventos da campaña de Nadal
  • A feira creativa de Artesanía de Galicia estrea localización no Pazo de Fonseca e conta con 31 expositores especializados en oficios como a xoiería, a sombreirería, a cerámica, os xoguetes, a forxa, o téxtil ou a madeira

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá a feira creativa do Mercado da Estrela en Santiago, un evento de referencia na campaña de Nadal da capital galega que conta coa colaboración da Xunta. Elena Fabeiro destacou o papel deste evento na dinamización comercial dos produtos da marca Artesanía de Galicia nesta época e fixo un percorrido polos 31 expositores da marca que participan na feira creativa este ano e que están especializados en oficios como a xoiería, a sombreirería, a cerámica, os xoguetes, a forxa, o téxtil ou a madeira.

O Mercado da Estrela é un festival gratuíto no que se amosa o talento e a creatividade de profesionais galegos de diferentes disciplinas e que se realizarán en diferentes espazos da zona vella compostelá. A feira creativa protagonizada por Artesanía de Galicia está situada por primeira vez no Salón Comedor do Pazo de Fonseca (entrada polo Xardín das Pedras que Falan), e estará aberta ata mañá domingo en horario de 11,00 a 21,00 horas. 

Os expositores de Artesanía de Galicia que participan nesta 13ª edición do Mercado da Estrela son os composteláns Acivro Xoias, Contraform, Jatafarta, Laura Triñanes Xoiería, Milena Colella e Degerónimo; os de Gondomar Gaia Cerámica e Liño e Lá; os da Estrada Dona Formiguinha e Mikosih; os de Ames Amor ó teu e Tuuinx; Adanegra (A Guarda), Cavalinho do demo (Fornelos de Montes), Ceibe (Ribadavia), Chus Louzao (Vigo), Conloquetengo (As Pontes), Ea Ilustra (Cerdedo-Cotobade), Enxógate (Quiroga), Fento do vento (Ourense), Hana no Boshi (Pontedeume), Jorge Eiroa (Culleredo), Leónlagata (Sanxenxo), Marearte (Lalín), María Monsalve (Monterroso), Pasamarela (A Coruña), Artesanía Silvent (Caldas de Reis), Sopa de Nuez (Lugo), Verdecima (Mos), Lucecús (Guitiriz) e Tresoficios (Teo).