A Xunta destaca o papel dos oficios artesanais na experimentación con novas narrativas e materiais na Maker Faire Galicia
- O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou na mesa inaugural da II Xornada de Oficios que se celebra hoxe en Santiago de Compostela, co obxectivo de promover a conexión das novas xeracións cos oficios artesanais
- A Fundación Artesanía de Galicia colabora de novo con nesta iniciativa na que están previstos obradoiros de fotografía, de tecido e de forxa tradicional, así como un mercado no que participarán nove obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia
- Gabriel Alén será, ademais, o encargado de entregar o 2º premio dos proxectos máis votados polo público
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá en Santiago de Compostela na mesa de apertura da Xornada de Oficios, no marco da XI edición da Maker Faire Galicia, co obxectivo de potenciar a conexión das novas xeracións de creadores cos oficios artesanais. Gabriel Alén será tamén o encargado de entregar o 2º premio dos proxectos máis votados polo público.
A través desta xornada, que conta co apoio da Xunta, búscase poñer en valor a creatividade, o coñecemento e o saber facer das persoas que manteñen vivos os oficios, ao tempo que experimentan con novas narrativas, materiais e formas de crear.
No programa de actividades inclúense diferentes ponencias relacionadas cos biomateriais, coa produción artística e dirixidas a público interesado nos oficios, no deseño, na arte, na comunicación, nos biomateriais e na economía circular. Ata as 14,00 h. estanse a desenvolver obradoiros de iniciación a diferentes oficios a cargo de profesionais de Artesanía de Galicia, orientados tanto ao público infantil como adulto, no que os asistentes poderán experimentar con diferentes técnicas artesanais impartidos por diferentes obradoiros de Artesanía de Galicia. A artesá Minia Banet, de Variopinto, imparte un taller de Bordado sobre fotografía; NAI Deseños encárgase dun obradoiro de Flores téxtiles: tecer cos dedos; mentres que Roni Herrán dirixe o de Aprende forxa tradicional con plastilina.
Ata as 20,00 h. participarán tamén outros profesionais de Artesanía de Galicia dos ámbitos da cerámica, da ourivería, da bixutería, da moda, dos complementos, das redeiras, da forxa e da encadernación, que presentarán o seu traballo e venderán os seus produtos. Trátase de Acivro Xoias (Santiago de Compostela), Susana Anta (A Coruña), A Casa Rodante (Vigo), Fui Yo (Santiago de Compostela), Lixo Atelier (Muros), Mundaya (Santiago de Compostela), Jerolas (Curtis), Asociación de Redeiras Artesás Illa da Estrela de Corme (Ponteceso) e D Rositas (Rois).
A entrada ao evento é gratuíta ata completar aforo e está orientada especialmente a centros educativos e a estudantes e novos talentos que estean completando a súa formación, así como a calquera persoa interesada en descubrir o futuro dos oficios tradicionais.