A Xunta destaca o valor da mostra Alfaroleiros como escaparate da gran tradición oleira da península

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou na inauguración da XXVIII edición da feira, que se celebra ata o domingo 7 de agosto en Oleiros
  • No evento participan 22 profesionais da olería e da cerámica de diferentes zonas de España e Portugal, entre os que se atopan 5 obradoiros da marca Artesanía de Galicia

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou esta mañá na inauguración da XXVIII edición de Alfaroleiros, que se celebra ata o 7 de agosto no Parque de Santa Cruz en Oleiros. Durante a súa intervención, Heredia destacou a relevancia desta mostra de artesanía “tanto pola posta en escena dos expositores –coas pezas na herba deste parque Luís Seoane, tal e como se facía antigamente– como pola alta calidade e a procedencia dos expositores participantes” que representan olerías de diferentes partes da Península.

En total participan 22 obradoiros de olería e cerámica, entre os que se atopan cinco obradoiros da marca Artesanía de Galicia. Trátase dos obradoiros de Buño (Malpica de Bergantiños) Alfarería Aparicio e Alfarería Lista; do obradoiro Alfarería Añón (Salvaterra de Miño), do obradoiro Figulus Olaría Tradicional da Ribeira Sacra (Sober) e de Cerámica Unzueta (Brión). Os demais expositores proveñen de Oímbra (Portugal), Granada, Toledo, Córdoba, Castellón, Palencia, Jaén, de Segovia, Cáceres, Salamanca e Zamora.

A programación da mostra complétase con actuacións musicais como a de Guadi Galego –o venres ás 22:00 horas–, demostracións de olería, espectáculos de maxia, xogos tradicionais ou demostracións de cociña en vivo a cargo dos cociñeiros David Sánchez do restaurante Noa Hotel Boutique e Alejandro Iglesias do restaurante Cabanas (Lalín). Haberá ademais visitas guiadas ao Museo de Olería todos os días ás 13:00 e ás 19:30 horas.