A Xunta destaca o valor de Buño como centro oleiro de tradición e o papel da artesanía como parte do atractivo turístico de Galicia

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron na inauguración da 38 Mostra da Olería de Buño, unha das feiras monográficas con maior traxectoria en Galicia

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron esta mañá na inauguración da 38 edición da Mostra da Olería de Buño, que se celebra nesta localidade de Malpica de Bergantiños ata o domingo 7 de agosto, onde destacaron o valor de Buño como centro oleiro de tradición e o papel da Artesanía de Galicia como parte do atractivo turístico de Galicia e dinamizadora económica no rural galego.

Así, na súa intervención, Heredia destacou o valor da Mostra como unha das feiras monográficas con maior traxectoria das que se celebran en Galicia e a importancia de Buño como centro de olería tradicional que continúa en activo e se está a introducir en mercados de todo o mundo e en novos ámbitos coma o da gastronomía.

O director xeral sinalou que os oficios artesanais encaixan á perfección coas tendencias de consumo consciente, de produción sostible e local e de economía circular que, xunto coa creatividade da artesanía, están a chamar a atención de grandes marcas de moda e de decoración que buscan comunicar os valores que representan. Neste sentido, lembrou que a olería de Buño está representada habitualmente nas diferentes iniciativas impulsadas desde a Xunta como o Corazón da Artesanía que se celebra en Agolada, o proxecto Artesanía no Prato no que se busca a colaboración entre artesáns e prestixiosos cociñeiros, nas diferentes campañas de promoción ou no posto internacional da marca Artesanía de Galicia en feiras como a Formex, de Estocolmo.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, indicou que grazas a esta mostra e ás numerosas actividades que teñen lugar durante os días da súa celebración, os participantes poden descubrir unha das manifestacións artesás máis arraigadas en Galicia, a da olería.

“A nosa artesanía enxálzase de xeito que se posibilita a conservación das tradicións, o que permite enriquecer a experiencia turística dos visitantes”, manifestou a directora de Turismo de Galicia.

Entre os artesáns que participan nesta 38 edición da Mostra atópanse oleiros de Buño que forman parte da marca Artesanía de Galicia como Obradoiro Cambón, Alfarería Rulo, Cerámica Creare, Alfarería O Falsete, Alfarería Feituras e Obradoiro Gorín.

Na programación do evento, organizado polo Concello de Malpica de Bergantiños, a asociación Olería de Buño e a Deputación da Coruña, inclúense demostracións de olería, obradoiros para nenos, actuacións musicais e obradoiros de baile, fútbol, teatro e mais as presentacións dos libros Cancioneiro de Buño e Buño de seu.