A Xunta destaca a oportunidade que supón "Mostrart" para exhibir toda a creatividade e o valor artístico de Artesanía de Galicia

  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou este mediodía na Coruña na inauguración da 37 edición da feira que se levará a cabo nos Xardíns de Méndez Núñez ata o 29 de agosto
  • Participan un total de 73 artesáns, dos cales 54 son obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía especializados no coiro, o téxtil, os complementos con cunchas mariñas, a xoiería ou a cerámica, entre outros
  • O Goberno galego ten aberta a convocatoria de axudas para facilitar aos obradoiros a comercialización da artesanía galega en feiras

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá na inauguración da 37 edición da feira Mostrart, que se celebra nos Xardíns Méndez Núñez da Coruña. Un evento de referencia no sector que, en palabras de Conde, supón unha oportunidade para exhibir a creatividade e valor artístico da marca Artesanía de Galicia e actuar como plataforma de lanzamento para os novos profesionais.

Esta mostra, todo un referente cultural do verán, amplía por primeira vez o seu período de celebración, que pasa de dúas a catro semanas, do 1 ao 29 de agosto, e estará aberta en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 horas. 

Na edición deste ano participan 73 artesáns, dos cales 54 son obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Estes obradoiros están especializados no traballo do coiro, o téxtil, a xoiería, a cerámica, o calzado, a elaboración de xoguetes, o oficio das colareiras, a restauración, o cartón pedra, a produción de instrumentos musicais, o vidro, a serigrafía, a realización de lámpadas do traballo con esmaltes, a bixutería e a pratería. 

A Xunta de Galicia seguirá impulsando o labor dos artesáns galegos, fomentando a súa comercialización e mellorando a súa competitividade, así como promovendo a súa modernización a través da innovación e da dixitalización, con diferentes ordes de axuda. 

Así, ata o 23 de agosto mantén aberto o prazo para solicitar apoios para actuacións de comercialización física do sector. Unha iniciativa que conta cun investimento de 255.000 euros e que está dirixida a obradoiros –con axudas de ata 8000 euros para participar en feiras profesionais ou de venda directa–, concellos e asociacións –os cales poden optar a un máximo de 30.000 euros para organizar este tipo de eventos–.