A Xunta destaca que o Corazón da Artesanía contribúe dende Agolada a difundir, internacionalizar e darlle valor engadido a un sector clave para Galicia

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá ao acto de inauguración do evento, que se celebrará desde hoxe ata o domingo, 10 de xullo
  • Anima a achegarse ao encontro para gozar da paixón e o talento dos artesáns e artesás participantes

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá ao acto de inauguración do Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, organizado por Artesanía de Galicia e que se celebra os días 8, 9 e 10 de xullo nos Pendellos de Agolada. Conde destacou que este evento contribúe a difundir, internacionalizar e darlle valor engadido a un sector clave para Galicia.

O vicepresidente primeiro, que fixo un percorrido polos diferentes postos, animou a achegarse ao encontro para gozar da paixón e o talento dos artesáns e artesás participantes, logo de dous anos de paréntese pola pandemia, e que agora recupera a normalidade con sentidiño.

Nesta edición haberá 57 artesáns de 27 oficios diferentes, actuacións musicais, talleres abertos de iniciación aos oficios artesanais e cursos especializados con inscrición previa. O horario será de 11:30 a 21:30 horas. Os artesáns que participarán nesta novena edición representan oficios diferentes: marroquinería e coiro, instrumentos musicais, redeiras, téxtil, encaixe, tapices, tecido en baixo lizo, elaboración de traxe tradicional, xoiería, ourivería, forxa, labores de palla, colareiras, cerámica, olería, zapatería, cantería, talla en madeira, tornería de madeira, elaboración de zocos, xoguetes e bonecos, debuxo e ilustración, elaboración de papel, elaboración de figuras tradicionais de miga de pan, cestería, cartón pedra e bordado ao aire. 

Dos 42 expositores de Artesanía de Galicia – 18 son obradoiros que participan por primeira vez neste encontro – 21 obradoiros pertencen á provincia da Coruña, 10 á de Lugo, 3 á de Ourense e 8 á de Pontevedra.

Na súa intervención Conde exaltou a marca Artesanía de Galicia que neste momento avala o traballo de 3339 artesáns e 789 obradoiros galegos que dan emprego a máis de 7800 persoas. Ademais, subliñou que é necesario seguir fomentando o emprendemento e a incorporación de novo talento, así como a interrelación da artesanía con outros sectores como a gastronomía. Neste sentido, referiuse a eventos como Artesanía no Prato e á súa presenza, a través de showcookings, en Corazón da Artesanía.

Programa Sábado 9 
A música e a gastronomía destacan na programación da xornada de mañá sábado 9 de xullo. A partir das 13:00 horas, a Praza do Concello encherase coa música de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre que presentarán o disco As catedrais silenciadas, un proxecto que conclúe unha triloxía iniciada no 2015 no que o elemento diferencial son o conxunto de mulleres vocalistas e percusionistas e o obxectivo principal a renovación da tradición musical galega. As súas composicións parten en moitos casos do traballo de investigación e de recollida das cancións das mulleres do rural dándolles o seu toque particular e actualizando formas musicais tradicionais coma os pasodobres,  os alalás, ribeiranas, muiñeiras ou agarrados. 

A partir das 22:30 horas, xa rematada a feira, os asistentes poderán disfrutar da actuación musical de Comando Curuxás, un quinteto que bebe da música tradicional e popular bailabre de Galicia e do resto de Europa. Nace no ano 2017 coa intención de crear unha murga, cun punto de modernidade, con harmonías e arranxos actuais. Destas ideas iniciais créase o grupo que está formado por Alberto Núñez ao acordeón diatónico; Pablo Pardo «Pacior» na frauta traveseira de madeira e no saxo soprano; Miguel Anxo López nas percusións; Pablo Pascual ao clarinete baixo e Serxio Núñez ao clarinete, pandeiro, gaita e voz. O son de Comando Curuxás lembra as antigas romarías e soa coa intención de que o público se divirta, que goce coa súa música e que baile.

En canto á iniciativa Artesanía no Prato, mañá sábado están previstas dous showcookings do cociñeiro Héctor López, do Restaurante España (Lugo), ás 13:30 e ás 15:00 horas; e pola tarde outra a cargo do chef Álvaro Fuentes, da Taberna A Meloxeira (O Grove), a partir das 20:30 horas e na que empregará produtos da marca de calidade PescadeRías, grazas ao apoio da Consellería do Mar.

Héctor López (2 Soles Repsol) leva as rendas da cociña do Restaurante España, o negocio familiar, dende hai máis de 15 anos. O seu soño era ser veterinario ata que un día se cruzou no seu camiño Tomás Urrialde que lle falou da súa paixón pola cociña e provocou que se namorara do seu traballo ata o día de hoxe. Nestes últimos anos o Restaurante España recibiu numerosos premios que recoñecen a súa evolución e o seu traballo diario, tanto a nivel autonómico como nacional. 

Álvaro Fuentes (2 Soles Repsol) comezou a súa traxectoria no negocio familiar, un restaurante de praia en San Vicente, de onde pasou a Andorra. Esta etapa, na que coñeceu o oficio dende a base, levouno a ingresar, ao seu regreso a Galicia, na escola Carlos Oroza de Pontevedra e posteriormente a formar parte do restaurante Solla, un dos nomes míticos da cociña galega contemporánea. 

De alí deu o salto a Londres, onde traballou no Coya Restaurant e entrou en contacto cunha das cociñas peruanas máis sólidas de Europa, para retornar á súa vila natal, na que inaugura a Taberna Meloxeira ao tempo que prosigue a súa formación a través de estadías como a realizada no restaurante Lasarte (Barcelona) do grupo de Martín Berasategui e dirixido por Paolo Casagrande. 

Fuentes é un viaxeiro incansable, o que lle permite coñecer de primeira man cociñas de todo o mundo, unha influencia que trouxo á súa Taberna Meloxeira e que, combinada co produto da ría de Arousa e a súa bagaxe profesional, deu lugar a unha proposta única en Galicia pola que foi nomeado finalista no concurso de cociñeiro revelación do Forum Gastronómico da Coruña en 2017. 

Xa en 2022 Fuentes retorna ás súas orixes, ao que fora o negocio familiar, un restaurante de praia xunto á localidade de San Vicente do Mar que o cociñeiro transforma nun templo da mellor materia prima. Este Meloxeira Praia conserva o espírito aberto, viaxeiro e inconformista que fixeran célebre á Taberna Meloxeira, pero vai un paso máis alá en canto á aposta por un produto local incuestionable e ao confort do cliente, que goza aquí dun dos restaurantes con mellores vistas de Galicia.