A Xunta destaca Riotorto como epicentro da artesanía do ferro

  • A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu á 17ª edición da Feira do Ferro de Riotorto, un evento monográfico de posta en valor dos oficios vinculados ao ferro
  • Na programación da xornada inclúense demostracións en vivo de ferreiros, de olería de Buño, de vidro, de cestería e de madeira, obradoiros para nenos e nenas, actuacións musicais e espectáculos

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu esta mañá á inauguración da XVII Feira do Ferro de Riotorto, un evento de referencia para os profesionais dos oficios artesanais do ferro, que está organizada polo Concello de Riotorto e pola Asociación de Ferreiros desta localidade, co apoio da Xunta. Este evento visibiliza o oficio dos ferreiros e converte a Riotorto no epicentro da artesanía vinculada a estes oficios, ao tempo que funciona como un espazo para que as novas xeracións coñezan o oficio e contribúe a fomentar a remuda xeracional.

Na programación desta 17ª edición inclúense demostracións en vivo a cargo de Manuel Alonso MAF (Riotorto), Forxa Chago (Santiago de Compostela) e Jorge Eiroa Forja (Culleredo) —inscritos en Artesanía de Galicia—, Ferreiros de Riotorto, Friedrich Brasmsteidl, Alberto Leis, Centro de Interpretación de la Forja de Navarra, Ferreiros da Fonsagrada e Obradoiro do Carbón. Ao longo de toda a xornada haberá tamén demostracións doutros oficios como a olería de Buño con Alfarería Aparicio ou de Talla e decorado de cristal con Eugenio Soto (Vigo), ambos os dous obradoiros de Artesanía de Galicia, así como obradoiros de cestería, de torneado e de pirogravado.

A xornada complétase coa actuación do coro de Riotorto, o pregón a cargo do actor Luís Iglesia, obradoiros do ferro para público infantil a cargo de Friedrich Brasmsteidl, actuación de Charanga 555 de Lugo, Nano Rivas e, xa pola tarde, o espectáculo do Mago Lolo.