A Xunta impulsa a divulgación da Artesanía de Galicia na XLII edición do Festiletras de Ponteceso
- A Fundación Artesanía de Galicia patrocina tres obradoiros para o público infantil impartidos polas artesás Elena Ferro, Leonor Díaz e Rosa Rodríguez e dedicados aos oficios de elaboración de zocos, pintura sobre madeira e técnicas das redeiras
A Fundación Artesanía de Galicia - dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración- colabora un ano máis co Festiletras que celebrará a súa edición número 42 no concello coruñés de Ponteceso entre este venres 30 de agosto e o domingo 1 de setembro. Este 2024, baixo o lema Unha lingua para poder amar a mares, o programa está dedicado á protección, coñecemento, tradición e inspiración do mar a través de diversas actividades e encontros.
Así, a Fundación Artesanía de Galicia colabora a través do patrocinio de tres obradoiros abertos ao público infantil, que se desenvolverán de 11,00 a 13,00 horas. Por unha banda, a artesá zoqueira Elena Ferro (Merza, Vila de Cruces) fará unha demostración relacionada coa unidade didáctica Eu son zoqueira do programa Artesanía na Escola. Mentres, a artesá Leonor Díaz, de Como pez en el agua (Vigo), realizará un obradoiro de pintura sobre madeira no que se pintarán con acrílicos marcapáxinas con temática mariña. Finalmente, a artesá redeira Rosa Rodríguez desenvolverá un obradoiro no que se poden aprender as técnicas do seu traballo.
Cómpre engadir que o Festiletras 2024 reunirá na Aldea do Couso artistas de diversas vertentes (música, literatura, artesanía, cine, televisión...) que se reunirán para promover, poñer en valor e potenciar a cultura galega. O programa incluirá recitais poéticos e literarios, así como actividades vinculadas co mundo do mar e obradoiros culinarios e de reciclaxe, entre outras actividades.