A Xunta impulsa a divulgación dos oficios artesanais na XIX Feira Outrora de Bóveda

  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou a localidade de Rubián, onde durante toda a xornada se celebran catro obradoiros abertos ao público de iniciación á encadernación, ao gravado, á cerámica de torno e á pintura sobre madeira
     

Artesanía de Galicia volve estar presente na Feira Outrora que se celebra hoxe en Rubián (Bóveda) a través de catro obradoiros participativos que achegarán diferentes oficios artesanais a todos os públicos. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ata esta localidade luguesa co obxectivo de contribuír á posta en valor dos oficios artesanais e de visibilizar a marca Artesanía de Galicia. 

No programa de actividades inclúense catro obradoiros abertos para todos os públicos impartidos por obradoiros artesanais vigueses que se están a desenvolver en horario de 11:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00 horas. Estes obradoiros son gratuítos e pode participar calquera persoa que se achegue e desexe coñecer as seguintes técnicas artesanais.

Os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, de Artesanía Chuschús encargaranse de impartir dous obradoiros, un sobre encadernación á xaponesa – no que se elaborará un caderno – e outro sobre Gyotaku e Transfer. O Gyotaku é unha técnica na que se utiliza o peixe como prancha de gravado e o Transfer consiste en facer unha impresión sobre madeira. 

O ceramista Carlos San Claudio é o encargado de impartir un taller de Torno oleiro no que cada persoa poderá vivir a experiencia do torneado do barro utilizando como ferramenta o torno oleiro. Mentres que a artesá Leonor Díaz, de Como pez en el agua impartirá un obradoiro de pintura sobre madeira.