A Xunta impulsa en Chantada a hibridación da artesanía, a innovación e os recursos locais a través do obradoiro Bio*Cerámica
- A Fundación Artesanía de Galicia organiza os días 21 e 22 de setembro en San Cristovo de Mouricios (Chantada) as xornadas ‘Novas artesanías para novas ecoloxías’, con expertos en cerámica, deseño e creación contemporánea
- Do 17 ao 20 de setembro celebrarase no mesmo espazo o taller Bio*cerámica, no que se buscará aprender a través da paisaxe e aproveitar os materiais da contorna desde a artesanía, a innovación e o pensamento ecolóxico
- Con estas xornadas, a Xunta impulsa unha liña de traballo na que se une tradición con contemporaneidade e que busca o debate, a experimentación e a apertura de novos horizontes para a artesanía en base aos oficios tradicionais
A Fundación Artesanía de Galicia organiza en San Cristovo de Mouricios (Chantada) os días 21 e 22 de setembro as xornadas Novas artesanías para novas ecoloxías, co obxectivo de poñer o foco na potencialidade do medio rural como xerador de vías de desenvolmento culturais, sociais, medioambientais e económicas. As persoas relatoras -especializadas nos campos da cerámica e do deseño- caracterízanse polo seu traballo de investigación en materiais, nos oficios tradicionais e a súa hibridación con técnicas e tecnoloxías contemporáneas.
As xornadas están comisariadas por Raquel Buj -arquitecta e deseñadora especializada na investigación e experimentación e materiais e biomateriais para a moda- e Carlos Jiménez Cenamor, ceramista e arquitecto, gañador do Premio Produto Artesán 2023 nos Premios de Artesanía da Región de Murcia.
A programación prevista é un punto de encontro para coñecer, compartir e reflexionar sobre novas miradas que xurdiron arredor da artesanía en territorio nacional e internacional. Reflexionarase sobre as novas oportunidades de deseño a partir da exploración de propostas materiais máis sensibles coa complexidade ecolóxica que nos rodea e farase fincapé no aproveitamento dos materiais da contorna desde a artesanía, a innovación e o pensamento ecolóxico. O obxectivo é buscar o futuro da artesanía desde un lugar intermedio entre a innovación, a tradición e o deseño contemporáneo.
Con esta iniciativa -e xunto coas xornadas Tecendo futuros. Prácticas téxtiles contemporáneas, celebradas en 2023- a Xunta impulsa unha liña de traballo, en colaboración coa Galería Vilaseco, na que se une a tradición coa contemporaneidade, ao tempo que se abre o debate, a experimentación e novos horizontes a partir de oficios e técnicas tradicionais, materiais locais e persoas expertas de referencia en cada materia.
Programa das xornadas
O programa das xornadas comeza cunha conferencia da ceramista Ana Illueca (Valencia) - finalista do premio de innovación cerámica 2018 do Centro de Artesanía de la Comunitat Valenciana e finalista dos Premios Nacionais de Artesanía co seu proxecto ADN Cerámico- e continúa con tres mesas de debate temáticas.
A primeira delas, Materialidades locais, estará moderada por Carlos Jiménez e celebrarase o sábado a partir das 12,30 h., coa participación da ceramista viguesa Ana Tenorio -gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2018-, Joseán Vilar (Barcelona), Paula Camiña (procedente de Padrón pero afincada en Londres), Raúl Mouro (Asturias), Milena Juárez (Barcelona) e Santiago Sahli (Madrid). A mesa Novas Vías estará moderada por Lala de Dios (Madrid) e contará coa participación de Paula Ojea (Vigo) -gañadora do Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2019-. Arantza Vilas (viguesa afincada en Londres) e Japi Contonente (Madrid). O domingo pola mañá terá lugar a última das mesas de debate, moderada pola historiadora e xornalista Macarena Navarro-Reverter (Madrid), na que participarán María Mallo (Madrid), Paula Bruna (Barcelona) e Attua Aparicio (procedente de Valladolid e afincada en Londres).
Taller Bio*cerámica
Tamén o domingo, os comisarios das xornadas presentarán o obradoiro Bio*cerámica: Narrativas da paisaxe e da súa cultura, que eles mesmos impartirán no Espazo Vilaseco os días previos ás xornadas, do 17 ao 20 de setembro, e no que participarán 20 profesionais da arte e da artesanía.
Os participantes mergullaranse na hibridación das técnicas cerámicas e dos biomateriais da contorna, para capitalizar os coñecementos e as técnicas locais de manipulación da arxila e das fibras vexetais (liño, vimbio, castañas). O obradoiro convida a crear unha ponte entre saberes tradicionais e deseño contemporáneo, así como un tecido de creadores que acurte a distancia entre artesáns locais e deseñadores contemporáneos.