A Xunta impulsa en Madrid a comercialización de Artesanía de Galicia a través dunha tenda efémera da marca de moda D-Due

  • Ata o día 7 de marzo D-Due presenta en Madrid a súa nova colección de moda ‘Mimosa Collection’ na que se poderán atopar pezas de oito obradoiros da marca Artesanía de Galicia, especializados na olería tradicional, na cerámica e na madeira

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración promove a comercialización da Artesanía de Galicia en Madrid en colaboración coa empresa D-Due, a través da participación nunha tenda efémera na que se presentará a colección Mimosa desta marca de moda e que estará aberta entre hoxe e o venres 7 de marzo no Hotel Sto. Mauro (Zurbano, 36). Para visitar esta pop up é preciso facer unha reserva previa a través do teléfono 696960370 ou no mail design@d-due.com.

No espazo pódense atopar pezas de oito obradoiros especializados na olería tradicional de Gundivós, na madeira e na cerámica. Os obradoiros que estarán representados son Alfarería Rulo, Alfarería Lista e Obradoiro Gorín, de Buño (Malpica de Bergantiños); as ceramistas Laura Delgado (Cambre), Gaia Cerámica (Gondomar) e Raposiñas (A Pobra do Caramiñal); e o obradoiro de tornería de madeira Atalanta Madera (A Estrada). Ademais, está prevista unha pequena degustación de produtos galegos para a que se empregarán pezas de Artesanía de Galicia. 

A Fundación Artesanía de Galicia colabora desde hai varios anos coa marca D-Due co obxectivo de amosar unha escolma do talento galego e da alta calidade da moda, do feito á man e da artesanía feita na nosa Comunidade. Neste marco, desde o ano 2021 organízase en Sanxenxo durante os meses de xullo e agosto a Summer Shop D-Due&Artesanía de Galicia, na que se poden atopar tanto as súas coleccións como unha ampla selección de pezas de obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia.

D-due é unha empresa téxtil con orixe no ano 1960, dirixida por Charo Froján e Alfredo Olmedo desde a década dos 90 e con sede en Rianxo. As súas coleccións e creacións artísticas son apreciadas internacionalmente por mercados coma o xaponés, onde contan desde 2015 con tenda propia en Aoyama, unha das zonas comerciais máis exclusivas de Tokio. A difusión internacional de D-due consolidouse ao longo dos últimos anos coa súa presenza nunha ampla variedade das tendas e grandes almacéns de Italia, Francia ou Corea do Sur, entre outras cidades.