A Xunta impulsa en Madrid a divulgación dos oficios da artesanía téxtil

  • A Fundación Artesanía de Galicia patrocina catro obradoiros impartidos por profesionais de Artesanía de Galicia, que se celebrarán ata final de ano en colaboración coa marca de roupa artesanal Carmen 17
  • Hoxe teñen lugar as primeiras actividades, impartidas pola artesá Io Morales, do taller Io Obradoiro téxtil, e que consistirán nun obradoiro de Remendo Creativo en horario de mañá e nun dedicado á técnica do Sashiko, pola tarde
  • Nos vindeiros meses, celebraranse tamén cursos de bordado impartidos por Minia Banet, de Variopinto; de estampaxe manual sobre téxtil, dos que se encargará Xiana Cobo; e de pasamanería, impartidos por Zeltia ao aire

A Fundación Artesanía de Galicia patrocina un ciclo de obradoiros de divulgación de oficios téxtiles que se vai celebrar en Madrid desde hoxe e ata o mes de decembro, en colaboración coa marca de roupa artesanal Carmen 17, que estarán impartidos por profesionais de Artesanía de Galicia. A través deste tipo de actividades, preténdese dar a coñecer técnicas e oficios relacionados coa artesanía téxtil, achegar á sociedade os valores do produto feito á man e visibilizar a marca Artesanía de Galicia.

A primeira destas xornadas de divulgación celébrase hoxe e consiste en dous obradoiros dirixidos por Io Morales, de Io Obradoiro Téxtil (Santiago de Compostela), nos que se amosará a reparar prendas de roupa a través do bordado. No turno de mañá, de 10,00 a 14,00h, centrarase nun taller de Remendo Creativo, e no da tarde, de 16,00 a 20,00h, amosará a técnica do Sashiko para fortalecer o tecido cun bordado xeométrico.

O sábado 26 de outubro, Minia Banet de Studio Variopinto (Santiago de Compostela) impartirá un taller de Bordado tridimensional, en horario de mañá, e outro de Bordado en relevo con la. No mes de novembro, Xiana Cobo encargarase de amosar a estampaxe manual. Pola mañá impartirá un taller de Creación de selos e pola tarde un de Furoshiki, un tecido cuadrangular que se usa en Xapón para envolver e transportar todo tipo de pertenzas.

A última das xornadas de divulgación de Artesanía de Galicia en Carmen 17 terá lugar o sábado 14 de decembro e estará centrado na técnica tradicional do bordado ao aire, impartido por Zeltia ao Aire (A Coruña). No horario de mañá, amosarase a aplicación da técnica do bordado ao aire para a xoiería e, pola tarde, o bordado ao aire na pasamanería tradicional.

Carmen 17

Carmen17 é un taller que compaxina o deseño de vestiario para artes escénicas coa súa marca de roupa artesanal, fundado en Madrid por Sofía Nieto, licenciada en Escenografía na RESAD, e Arancha Rodrigálvarez, licenciada en Matemáticas e Moda en Central Saint Martins. É tamén un proxecto cultural arredor do téxtil no que se reivindica o papel das mulleres costureiras, do grande patrimonio cultural que supoñen as labores e o valor simbólico que posúe este oficio que é unha linguaxe e que xera arte.

Unha das súas liñas de deseño baséase na investigación etnográfica. Baixo o paraugas Jacaranda desenvolven as mans, a memoria e as identidades culturais diversas. Foron finalistas dos Premios Nacionais de Artesanía 2022 e 2023.