A Xunta impulsa en Merza a comercialización do produto artesán e a marca Artesanía de Galicia

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu hoxe ao inicio do proxecto Artesanía de Galicia en Merza
  • Trátase dun novo programa de feiras de carácter mensual impulsadas polo Goberno galego en colaboración co obradoiro Eferro
  • Na primeira destas feiras participan dez obradoiros de Artesanía de Galicia de encadernación, instrumentos musicais, xoiería, forxa, bixutería, coiro, xoguetes, complementos elaborados con cunchas e madeira

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración continúa coa súa aposta pola comercialización do produto artesán galego e a posta en valor da marca Artesanía de Galicia en diferentes localidades da nosa comunidade. A través da Fundación Artesanía de Galicia impulsa o proxecto Artesanía de Galicia en Merza, un novo programa de feiras de carácter mensual que se celebrarán no novo espazo de actividades culturais e lúdicas do obradoiro Eferro, en Merza (Vila de Cruces), denominado eferroGhalpón.

En cada evento participarán 10 profesionais de Artesanía de Galicia, haberá actividades musicais e diferentes obradoiros abertos e gratuítos para o público adulto e infantil. Nuns días abrirase o prazo para solicitar as próximas feiras que se desenvolverán nos meses de abril, maio, xuño e xullo.

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu hoxe á primeira destas feiras, na que participan unha decena de obradoiros artesanais especializados na encadernación, os instrumentos musicais, a xoiería, a forxa, a bixutería, o coiro, os xoguetes, os complementos elaborados con cunchas e a madeira. Os expositores que participan son Amora, Artesanía en la e papel (Crecente), Artesanía, Artesanía JMR (O Pino), Ferraxe de Prata (Teo), Jorge Eiroa Forja (Culleredo), Laura Triñanes (Santiago de Compostela), María Aba (Ourense), Mimacuir (Taboada), Miudiño (Vigo), Montse Betanzos (O Grove) e Néboa na ría (Sada).

O horario de apertura da feira será de 11,00 a 15,00 e de 16,00 a 20,00 horas. Nese mesmo horario, estase a realizar un obradoiro de Creación de nomes con tipografía de imprenta, estampaxe en papel impartido por Sandra Betanzos, de Amor ó teu estampaxe artesanal (Ames). Esta actividade é gratuíta e aberta ao público infantil e adulto. A programación da feira complétase cunha sesión vermú a cargo de Blues do País, a partir das 13,30h, e un posto de comidas a cargo de Fartura.