A Xunta impulsa en Muros un programa de obradoiros abertos para celebrar os Días Europeos da Artesanía

  • A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, presentou esta mañá os obradoiros de cestería, de estampaxe e as actividades que terán lugar no Muíño das Mareas do Pozo de Cachón dos días 30 e 31 de marzo e 1 e 2 de abril
  • Os Días Europeos da Artesanía son unha iniciativa que busca achegar os oficios artesanais á sociedade a través de demostracións en vivo, obradoiros, cursos, exposicións e actividades para nenos

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na presentación do programa de actividades impulsado pola Xunta en colaboración co Concello de Muros para celebrar nesta localidade os Días Europeos da Artesanía. Trátase de tres obradoiros abertos dirixidos a públicos de todas as idades que se realizarán no Muíño das Mareas do Pozo de Cachón entre os días 30 de marzo e 2 de abril, a cargo de tres artesás pertencentes á marca Artesanía de Galicia.
En concreto, Minia Banet, do obradoiro Variopinto, impartirá un taller de bordado sobre papel, no que se traballará con imaxes antigas da vila de Muros e dos arredores, empregando postais e fíos de bordado para crear texturas nas diferentes fotografías. A cesteira Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica, encargarase de amosar como facer un pequeno cesto con vimbios ou corres, ao xeito tradicional da Ría de Muros e Noia e do Barbanza, comezando o cesto pola boca. E a artesá Xiana Cobo compartirá unha das técnicas de estampaxe máis antigas empregando a técnica de estampaxe por bloques sobre tecido. No obradoiro empregaranse selos de vinilo de diferentes formas e cores para estampar un pano de algodón que se poderá levar á casa, aínda que tamén se anima os asistentes a levar o seu propio retallo, camiseta ou bolsa de tea para decorar. Os obradoiros estarán abertos a todo tipo de públicos en horario de 11:30 a 13:30 e de 17:00 a 20:00 horas e non é precisa a inscrición previa.
Os Días Europeos da Artesanía son unha iniciativa que busca achegar os oficios artesanais á sociedade a través de demostracións en vivo, obradoiros, cursos, exposicións e actividades para nenos e nenas e que este ano se celebran entre o 27 de marzo e o 2 de abril. A Xunta de Galicia, a través da Fundación Artesanía de Galicia, é de novo a encargada de coordinar o programa de actividades na Comunidade, no que participan máis de 50 obradoiros de Artesanía de Galicia e outras entidades asociativas e centros de divulgación da artesanía.
Na programación inclúense  xornadas de portas abertas en obradoiros artesanais, demostracións en vivo, exposicións, cursos de iniciación e actividades infantís. A través da Fundación Artesanía de Galicia, patrocínanse diferentes actividades en localidades como Vigo, Ourense, Santiago de Compostela, Buño (Malpica de Bergantiños), Ponteceso, Mondoñedo, Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo), Baiona, Oia e Triacastela. O programa completo e toda a información acerca deste evento a nivel nacional pode consultarse na páxina web https://www.diasdelaartesania.es/.