A Xunta impulsa en Xermade a divulgación do oficio do torneado da madeira

  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na inauguración do XXIII Encontro Internacional de Torneiros de Galicia, que se celebra ata o domingo nesta localidade luguesa
  • Na programación deste ano inclúense demostracións de profesionais de recoñecido prestixio como Stewart Furini, Jean Claude Charpignon e Paco Boyero, así como o torneiro Lolo Castro, gañador do Premio Traxectoria nos Artesanía de Galicia 2018

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na inauguración da XXIII edición do Encontro Internacional de Torneiros que se celebra en Xermade ata o domingo. Este evento monográfico, no que a Xunta colabora desde o seu inicio, constitúe unha cita de referencia do sector en Europa.
Durante tres días, Xermade volve converterse no centro do torneado artesanal da madeira, onde cada ano acoden profesionais non só de toda Galicia senón tamén do resto de España e de Europa, así como nun espazo de intercambio e aprendizaxe para profesionais e afeccionados. No programa de actividades incluiranse demostracións de profesionais de recoñecido prestixio que como Stewart Furini, especializado no traballo con policromía; Jean Claude Charpignon especializado en pezas torneadas moi ornamentais; Paco Boyero, que amosará como utilizar resinas no torno; e o torneiro galego Lolo Castro –Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2018– que amosará o torneado de pezas tradicionais con llerga.
A colaboración coa organización deste tipo de actividades de impulso á conservación dos oficios artesanais tradicionais forma parte da estratexia da Xunta de Galicia para impulsar e consolidar o sector artesán. A recuperación, o mantemento e a divulgación de profesións ancestrais constitúe unha ferramenta de dinamización social e de posta en valor da cultura, ademais de establecer referentes para os novos profesionais que se achegan a Artesanía de Galicia.