A Xunta impulsa en Xermade a divulgación do oficio do torneado de madeira

  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na inauguración do XXII Encontro Internacional de Torneiros que se celebra nesta localidade luguesa durante toda a fin de semana
  • Previamente presentouse a iniciativa Facemos marca. Medrando cos artesáns, coa que se busca impulsar o emprendemento no sector artesán galego, así como os puntos clave da futura lei de Artesanía
  • No programa deste encontro inclúense demostracións de profesionais de recoñecido prestixio que achegan innovacións no oficio, como é o caso dos franceses Patrick Arlot e Georges Baudot, do británico Paul Hannaby e o torneiro galego Lolo Castro, gañador do Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2018

A Xunta de Galicia colabora co Concello de Xermade nunha nova edición do Encontro Internacional de Torneiros de Madeira, que se celebra entre hoxe e o domingo nesta localidade luguesa. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na inauguración do evento, que constitúe unha cita de referencia no sector en toda Europa.

Unha hora antes da inauguración, Elena Fabeiro presentou na Biblioteca Municipal de Xermade a iniciativa da Xunta Facemos marca. Medrando cos artesáns, coa que se busca impulsar o emprendemento no sector artesán galego ao tempo que se contribúe á posta en valor deste, incidindo na importancia social, económica, cultural, local e ambiental da artesanía. Durante a charla, a xerente explicou os trámites administrativos e os beneficios de formar parte do Rexistro Xeral de Artesanía, da marca Artesanía de Galicia, así como dos puntos clave da nova lei de Artesanía de Galicia que está a tramitar a Xunta para deseñar un marco xurídico que se adapte á nova realidade do sector artesanal. 

Durante tres días, Xermade volve converterse no centro do torneado artesanal da madeira, onde cada ano acoden profesionais non só de toda Galicia senón tamén do resto de España e de Europa, así como nun espazo de intercambio e aprendizaxe para profesionais e afeccionados. Os torneiros convidados achegan diferentes innovacións ao oficio do torneado da madeira que enriquecen a experiencia dos participantes no encontro. Neste caso, Georges Baudot (Burdeos, Francia) amosará a técnica coa que crea as súas características figuras ovaladas; o torneiro británico Paul Hannaby (Gloucester) achegará coñecemento sobre a incorporación da cor para realzar as diferentes madeiras das pezas; mentres que o tamén francés Patrick Arlot (Chauvigny) amosará como emprega a fresadora para adornar as pezas torneadas.

O programa de demostracións do XXII Encontro Internacional de Madeira Torneada complétase co torneiro galego Lolo Castro (As Pontes), gañador do Premio Traxectoria 2018 nos Premios Artesanía de Galicia. Este artesán desenvolve un papel fundamental neste Encontro de Torneiros desde a súa primeira edición, así como na divulgación e na transmisión do oficio do torneado da madeira e no impulso ao relevo xeracional do sector. Trátase dun mestre no uso e manexo das lergas, ferramentas propias da zona que el mesmo segue forxando e afiando.

A colaboración coa organización deste tipo de actividades de impulso á conservación dos oficios artesanais tradicionais forma parte da estratexia da Xunta de Galicia para impulsar e consolidar o sector artesán. A recuperación, o mantemento e a divulgación de profesións ancestrais constitúe unha ferramenta de dinamización social e de posta en valor da cultura, ademais de establecer referentes para os novos profesionais que se achegan a Artesanía de Galicia.