A Xunta impulsa esta fin de semana a segunda edición de 'Artesanía de Galicia en Compostela'

  • No evento, que se celebra os días 10 e 11 de setembro no claustro de San Martiño Pinario, participarán 39 profesionais da marca Artesanía de Galicia de oficios como a xoiería, a marroquinería, o téxtil, a talla de pedra e de madeira, a estampaxe, o debuxo, a escultura, os complementos de moda, o traxe tradicional, a bixutería, a cerámica, os tapices, a elaboración de coitelos ou o bordado ao aire
  • Na programación inclúense obradoiros gratuítos e abertos para toda a familia sobre elaboración de sanandresiños, pintura sobre madeira, elaboración de papel e encadernación, ademais de dous obradoiros de arranxos florais para os que se precisa inscrición previa
  • Os ourives composteláns Ricardo Rivas e Julio Lado, galardoados co Premio Traxectoria dos Premios Artesanía de Galicia 2020 e 2016 respectivamente, encargaranse de amosarlle ao público os segredos dun dos oficios con maior tradición na cidade como é a ourivería

A Xunta de Galicia, a través da Fundación Artesanía de Galicia, organiza o sábado 10 e o domingo 11 de setembro a segunda edición do evento Artesanía de Galicia en Compostela, no que participarán un total de 39 profesionais da marca Artesanía de Galicia especializados en oficios como a xoiería, a elaboración de sanandresiños, a ourivería, a marroquinería, o téxtil, a talla de pedra, a estampaxe, a elaboración de papel, o debuxo, a encadernación, a escultura, os complementos de moda, o traxe tradicional, a bixutería, a cerámica, a talla de madeira, os tapices, os arranxos florais, a elaboración de coitelos ou o bordado ao aire.

O evento, que se celebrará no claustro de San Martiño Pinario de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 21:00 horas, busca impulsar a comercialización dos produtos da marca Artesanía de Galicia e a divulgación dos oficios artesanais galegos.

Na programación do evento incluiranse catro obradoiros abertos ao público familiar, de carácter gratuíto, de iniciación a diferentes oficios artesanais impartidos por profesionais da marca Artesanía de Galicia, que se desenvolverán durante o mesmo horario da feira. O artesán Jorge Bellón (Cedeira) será o encargado de iniciar o público na elaboración das figuras tradicionais de miga de pan de Santo Andrés de Teixido –os sanandresiños– e Leonor Díaz, do obradoiro Como pez en el agua (Vigo), impartirá un taller de pintura sobre madeira. Así mesmo, os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera dirixirán dous obradoiros complementarios: un de elaboración de papel e outro de encadernación xaponesa.

Verónica Souto, do obradoiro Floradeira (Paderne), impartirá dous obradoiros de arranxos florais para os que era precisa unha inscrición previa. O do sábado estará centrado na elaboración de coroas decorativas de flores secas e o do domingo na elaboración de coroas para o pelo. Cada obradoiro conta con dúas quendas: de 11:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:00 horas. A artesá realizará tamén demostracións do seu oficio de 19:00 a 20:30 horas.

Por outra banda, e tamén durante todo o horario de apertura do evento, os ourives composteláns Ricardo Rivas e Julio Lado encargaranse de amosarlle ao público as diferentes técnicas que fixeron da ourivería un referente dos oficios artesanais e da cultura de Santiago de Compostela. Trátase de dous dos ourives composteláns máis prestixiosos, ambos os dous galardoados co Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2020 e 2016, respectivamente, en recoñecemento á súa ampla experiencia e mestría no oficio, así como ao seu compromiso pola divulgación e a transmisión das técnicas da ourivería.
 
Expositores

Os 33 obradoiros que participarán como expositores son Coiro Enxebre (Gondomar); Cuchillos Artesanos Villar (Teo); os obradoiros Druída e Nobelo a Nobelo (A Estrada);  os talleres de Mos Duarte Leather e Verdecima, talla en madera; GSC Petrum (Cuntis); Jerolas (Curtis); Leónlagata (Sanxenxo); Macosiñas (Ames); os obradoiros de Vigo Mario López, Peixe Nero e Pilar Rodal; Mimobooks (Pontevedra); Monte das flores (O Grove); Morna (O Barco de Valdeorras); Pilar Piñeiro Cerámica (Cangas); Soledad Mato (Oroso); Xoiart (Carral); os obradoiros composteláns Contraform, Degerónimo, Fui yo, Ío Obradoiro Téxtil, Jatafarta, Lara Torres Ilustración, Laura Triñanes Xoiaría, Milena Colella, Mundaya e Xiana Cobo; e os da Coruña Emytelar Tejidos Artesanales, Susana Anta, Tapices Galicia e Zeltia ao aire.