A Xunta impulsa a formación das redeiras galegas no marco do proxecto Enredadas
- A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia visitaron o curso“Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda e complementos” que remata esta fin de semana en Buño
- O 21 de novembro comeza o“Curso de iniciación para a aplicación das técnicas das redeiras ao sector da decoración”que impartirá a deseñadora Raquel Sousa tamén en Buño e para o que as inscricións están xa abertas
- Estas actividades forman parte do proxecto Enredadas, no que colaboran dende o ano 2012 a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e mais a Consellería do Mar, co obxectivo de diversificar o oficio tradicional das redeiras en Galicia
A Xunta de Galicia impulsa a formación do colectivo de redeiras galegas co obxectivo de diversificar o seu oficio tradicional, a través do proxecto Enredadas, no que colaboran a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e mais a Consellería do Mar, dende o ano 2012. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, e mais a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro Castro, visitaron esta mañá o curso “Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda e complementos”, que se celebra dende finais de outubro en Buño e finaliza esta fin de semana.
Esta iniciativa de formación estalle a permitir a 12 redeiras artesás, que desenvolven a súa actividade nos portos de Cariño, Corme e Malpica, iniciar unha nova aprendizaxe da man da deseñadora de moda Rosalía Castro. A partir das técnicas do seu oficio, están a coñecer o proceso creativo na moda, así como aprender a experimentar con novos materiais e técnicas co obxectivo de crear coleccións de produtos e de complementos de moda para a súa comercialización.
Tamén no marco de Enredadas, estase a desenvolver o curso online “Xestión básica da actividade comercial. Análise de produción e prezos de venda”, deseñado co obxectivo de servir de ferramenta para que as redeiras desenvolvan precisamente esa parte da súa actividade que está enfocada a outros ámbitos. O curso, que remata o 25 de novembro, está impartido polos consultores Pablo López, Tania Aira e Adriana Hermida, da empresa Implicatum.
Inscricións abertas
A Fundación Artesanía de Galicia abre o prazo de inscrición no último dos cursos formativos dirixidos ao colectivo das redeiras para o ano 2020. Trátase do “Curso de iniciación para a aplicación das técnicas das redeiras ao sector da decoración” que se desenvolverá os días días 21, 22, 28, 29 de novembro e o 5, 11 e 12 de decembro. Como no caso anterior, cóntase coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños para o uso das instalacións do Centro de Interpretación do Buño Oleiro e Terras de Bergantiños. As inscricións para este curso están abertas xa na páxina web da Fundación Artesanía de Galicia (artesaniadegalicia.xunta.gal).
Da man da deseñadora Raquel Sousa, as redeiras aprenderán a empregar as técnicas do seu oficio para crear novos produtos vinculados ao fogar, un sector no que a artesanía se atopa en claro crecemento.
Enredadas constitúe un exemplo de diversificación do oficio tradicional das redeiras en Galicia, que está a abrir novas oportunidades de negocio para estas artesás a través doutros ámbitos como a moda, os complementos ou a decoración. Este proxecto foi o que propiciou que a Fundación Artesanía de Galicia fose galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016.