A Xunta impulsa a internacionalización da artesanía de Galicia no mercado nórdico a través da súa participación na feira profesional Formex

  • A Fundación Artesanía de Galicia regresa á feira profesional Formex, que se celebra en Estocolmo ata o venres, cunha colección de pezas de artesanía tradicional e contemporánea que reúne o traballo de 37 obradoiros artesanais
  • Como resultado deste apoio á comercialización e á promoción do produto artesán galego neste tipo de eventos de referencia internacional, Artesanía de Galicia conta xa con 52 puntos de venda en diferentes países e seis distribuidores fóra do país

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación impulsa a internacionalización da marca Artesanía de Galicia e a comercialización exterior do produto artesán galego a través da participación na feira profesional Formex, un evento de referencia internacional na decoración de interiores, que se celebra en Estocolmo desde hoxe e ata o venres 20 de xaneiro. O stand da marca Artesanía de Galicia regresa ao mercado nórdico cunha colección de pezas de artesanía tradicional e contemporánea na que participan 37 obradoiros artesanais, dos cales 12 son novas incorporacións á feira.

Con esta son xa 11 as edicións nas que Artesanía de Galicia participa neste evento, ao que acudiu por primeira vez no ano 2013. Como resultado deste apoio á comercialización e á promoción do produto artesán galego neste tipo de eventos de referencia internacional, Artesanía de Galicia conta xa con 52 puntos de venda en países como Suecia, Austria, Francia, Inglaterra, Italia, Alemaña, Dinamarca, Noruega e Xapón, e conta con seis distribuidores fóra do país: dous en Xapón, un en Alemaña, un en Austria, un en Dinamarca e outro máis en Inglaterra.

No stand de Artesanía de Galicia en Formex as figuras tradicionais de miga de pan, “sanandresiños”, combinan con pezas de coiro, vidro e cerámica contemporánea, coa madeira orientada á gastronomía, coa cestería, cos arranxos florais ou co bordado contemporáneo. As pezas que conforman esta colección forman tamén parte dun catálogo profesional de produtos destinado a tendas, distribuidores, interioristas e prescritores internacionais do sector da decoración.

Entre os obradoiros que participan con pezas por primeira vez atópanse as ceramistas Rake Cerámica (Baiona), Lía B Studio (Sanxenxo) e Peixe Nero (Vigo); os artesáns especializados na madeira Woodworks Buschmann Bella (Corcubión), Carballo Estrela (Pontevedra) e Pau Decó (Lugo); a cesteira Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño); o obradoiro de xoguetes Enxógate (Quiroga), o obradoiro de pedra GSC Petrum (Cuntis), o de arranxos florais Monte das Flores (O Grove), e os obradoiros composteláns Ío Obradoiro téxtil, dedicado á calceta, e Variopinto, de bordado contemporáneo.

Nesta edición volvese presentar en Suecia o traballo dos oleiros Cerámica Unzueta (Brión) e Olería do Batán (Baños de Molgas); os oleiros de Buño (Malpica de Bergantiños) Alfarería O Rulo, Alfarería Gorín e Alfarería Lista; o de Gundivós (Sober) Rectoral de Gundivós; os obradoiros de cerámica Misoco (Vigo), Barreiros Artesanía (Nogueira de Ramuín), Regal Cerámicas (Viveiro), Laura Delgado Cerámicas (Cambre), Berce do Lume (Allariz), Mar Barral (Catoira) e os ceramistas da Coruña Víctor Ares, Arobe Cerámica e Susana Anta Cerámica Contemporánea. A escolma complétase con pezas dos cesteiros Antonio Suárez Dávila (Vigo) e Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), dos obradoiros especializados en madeira Artesanía Armaior (Quiroga) e Artesanía Ferradáns e Atalanta Madera Artesana, da Estrada; o obradoiro de Jorge Bellón (Cedeira), de elaboración de figuras tradicionais de miga de pan; o de coiro Jatafarta (Santiago de Compostela); o de coitelos de Celso Ferreiro (A Fonsagrada); e os obradoiros especializados no traballo do vidro Arteviares (A Coruña) e Poloenriquez (Cambre).

Formex está considerada unha das feiras profesionais de decoración de referencia do deseño escandinavo e celébrase en dúas edicións anuais, xaneiro e agosto. Trátase dunha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos, unha porta aberta a un mercado internacional no que o produto artesán galego está a introducirse desde o ano 2013.