A Xunta impulsa a posta en valor dos oficios artesanais nas XIII Xornadas do Peregrino que se celebraron en Mondoñedo
- A Mostra de Artesanía de Mondoñedo tivo lugar o sábado 24 coa demostración en vivo de diferentes artesáns que traballan no Barrio dos Muíños
- A xerente da Fundación Artesanía de Galicia participou nunha mesa redonda na que falou da marca Artesanía de Galicia e do sector artesán galego
Artesanía de Galicia estivo presente na XIII edición das Xornadas do Peregrino “Abrindo Camiño 2020”, que se celebrou en Mondoñedo os días 24 e 25 de outubro, a través de demostracións en vivo dos diferentes oficios artesanais dos profesionais que traballan no Barrio dos Muíños desta vila luguesa. As xornadas estiveron organizadas polo Concello de Mondoñedo e contaron co apoio de diferentes asociacións e entidades entre as que se atopa a Xunta de Galicia.
A Mostra da Artesanía de Mondoñedo tivo lugar o sábado entre as 12:00 e as 13:00 e de 15:30 a 18:30 horas, no recibidor do Auditorio Municipal Pascual Veiga, co obxectivo de divulgar e poñer en valor os oficios artesanais desta zona. Na mostra participaron o canteiro Fernando Vilariño, o artesán Marcelo Scapinachis do obradoiro Esquina Atlántica, dedicado ao torno e ao gravado, María del Carmen Juncal, especializada en bixutería e cerámica; Julieta Vargas, do obradoiro de serigrafía Estudio Estampa; Rubén Carrera, que amosou o seu traballo coas palletas e o artesán Ton Arenas, de Títeres Mircromina.
Tamén o sábado, a partir das 13:00 horas, celebrouse no Auditorio Municipal a charla-coloquio “Os camiños de Santiago como motor de desenvolvemento: dos produtos autóctonos á hostalaría e á artesanía”, na que participaron entre outros, a directora da Axencia de Turismo da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e mais a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, quen falou da situación do sector artesán galego e da marca Artesanía de Galicia.
O programa de actividades completouse cunha degustación gastronómica con produtos con Denominación de Orixe e Indicación Xeográfica Protexida, que contou coa colaboración de Galicia Calidade, con diversas actuacións musicais, presentacións de libros, así como unha mostra fotográfica, unha escultórica e unha exposición de postais.