A Xunta impulsa a visibilización e a comercialización da artesanía de Galicia no Nadal compostelán

  • Artesanía de Galicia protagonizará de novo un dos espazos da feira creativa do Mercado da Estrela, no que participan 28 obradoiros e que se poderá visitar no segundo andar da obra social de Abanca do 17 ao 19 de decembro
  • Tamén impulsa talleres de iniciación aos oficios artesáns e demostracións en vivo de profesionais de Artesanía de Galicia no Mercado Galego da Creatividade que se desenvolverán ata o 5 de xaneiro

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación impulsa a visibilización dos oficios artesanais galegos e a comercialización das pezas da marca Artesanía de Galicia en dous eventos que terán lugar en Santiago de Compostela durante a campaña de Nadal. A través da Fundación Artesanía de Galicia, apoiase a décima edición do Mercado da Estrela, na que participarán 28 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, ademais de apoiar a organización de talleres de iniciación a diferentes oficios e demostracións en vivo no Mercado Galego da Creatividade.

Un ano máis, Artesanía de Galicia protagoniza a Feira Creativa do Mercado da Estrela, que xa é un clásico na programación do Nadal compostelán e que chega á súa décima edición. Un total de 28 obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía participan no Espazo 1 da Feira Creativa, que se poderá visitar no segundo andar da obra social Abanca (Praza de Cervantes) do 17 ao 19 de decembro, en horario de 16:00 a 21:00 horas o venres e de 11:00 a 21:00 horas durante a fin de semana. Durante o horario de apertura da feira, o obradoiro Como pez en el agua ofrecerá un taller aberto ao público de elaboración de adornos de Nadal.

Os profesionais de Artesanía de Galicia que participan nesta edición están especializados en oficios como a olería, o vidro, a cerámica, a bixutería, os xoguetes, os complementos de moda, o debuxo, o coiro, a xoiería, o bordado, a estampaxe, o traballo con esmalte, a encadernación ou a cestería con corda de algodón.

Os obradoiros artesáns son Alfarería Lista (Malpica de Bergantiños), Arteviares (A Coruña), Blaurtopías (Vigo), Cavalinho do Demo (Fornelos de Montes), Contraform Diseño (Santiago de Compostela), Deica Creacións (Santiago de Compostela), Dona Formiguinha (A Estrada), Enxógate (Quiroga), Ferraxe de Prata (Teo), Io Obradoiro Téxtil (Santiago de Compostela), Jatafarta (Santiago de Compostela), Jerolas (Curtis), Latonta y Larubia (Santiago de Compostela), Lia B (Sanxenxo), Milena Colella (Santiago de Compostela), Miolos Design (Pontevedra), Muchachicha (Cerdedo-Cotobade), Mundaya (Santiago de Compostela), Obradoiro Gorín (Malpica de Bergantiños), Paseloqpase (Ribadumia), Peixe Nero (Vigo), Sopa de Nuez (Lugo), Susana Anta Cerámics (A Illa de Arousa), Variopinto (Santiago de Compostela), Como pez en el agua (Vigo), A Casa Rodante (Vigo) e os obradoiros composteláns Xiana Cobo e Degerónimo, que comparten stand.

Mercado Galego da Creatividade

A través da Fundación Artesanía de Galicia apóianse tamén diferentes actividades de divulgación dos oficios artesanais galegos no Mercado Galego da Creatividade (Caldeirería, 36), un dos establecementos que contan co uso da marca Artesanía de Galicia e que está xestionado polo colectivo Creativas Galegas, no que participan numerosos profesionais da artesanía galega.

Na primeira parte do mes de decembro desenvolvéronse talleres de iniciación a diferentes oficios coma o vidro, a ourivería, a estampaxe ou os xoguetes, e desde onte mércores 15 e ata o 5 de xaneiro está aberto o Pop Up de Nadal. Nese mesmo espazo, desenvolveranse os “Escaparates viventes”, demostracións en vivo de artesáns que forman parte de Creativas Galegas, como o que ten previsto dar o venres 17 a cesteira Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño), que acaba de recibir a Bolsa Eloy Gesto 2021 nos Premios Artesanía de Galicia 2021, ou Sandra de Rego, do obradoiro Amorote (Ames), a vindeira semana.