A Xunta inaugura en Chantada o taller Bio*cerámica para afondar na experimentación entre a artesanía, o deseño contemporáneo e os recursos locais
A Fundación Artesanía de Galicia inaugurou hoxe o taller Bio*cerámica: Narrativas da paisaxe e da súa cultura, que se desenvolverá ata o venres 20 no Espazo Vilaseco, en San Cristovo de Mauricios, e no que participarán 20 profesionais da arte e da artesanía. Impartido por Raquel Buj e Carlos Jiménez Cenamor, os asistentes mergullaranse na hibridación da artesanía tradicional co deseño contemporáneo e o aproveitamento do coñecemento e as técnicas locais de manipulación da arxila e das fibras vexetais (liño, vimbio, castañas).
Este obradoiro forma parte do programa de actividades previas das xornadas Novas artesanías para novas ecoloxías, impulsadas pola Xunta, que reunirán en Chantada este sábado 21 e domingo 22 a profesionais de referencia nacional en diferentes ámbitos para debater sobre cuestións como a innovación, a tradición, a economía circular e o futuro no sector da artesanía.