A Xunta lanza a convocatoria unificada de apoios á dixitalización, modernización e sustentabilidade do tecido comercial e artesanal cun orzamento de case 4 M€

  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde orientada a favorecer actuacións que contribúan á implantación dun comercio máis innovador e sustentable, procurando unha maior axilización nas tramitacións co gallo de maximizar o impacto no sector
  • A convocatoria contempla tres liñas de axudas -compatibles entre si-, orientadas á dixitalización do punto de venda, á mellora da imaxe e eficiencia enerxética do local e, como novidade, ao uso de embalaxes sustentables
  • Incrementando a intensidade das axudas ata o 80%, cobre actuacións como a implantación e mantemento web, márketing dixital, loxística, reformas do espazo comercial, sistemas de eficiencia enerxética ou compra de materiais reciclables

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dotada con 3,9 millóns de euros para impulsar a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade do comercio retallista e dos obradoiros artesanais galegos. A convocatoria unifica por primeira vez estas tres liñas de apoios e, como principal novidade, avanza na simplificación administrativa e na procura da axilización das tramitacións co gallo de favorecer actuacións que contribúan á implantación dun modelo de comercio innovador e sustentable nas cidades e vilas galegas.

A través de tres liñas diferentes de axudas —compatibles entre si— o obxectivo é apoiar o sector para que poida adaptarse á nova realidade e ás tendencias de consumo a través da introdución de tecnoloxías que lles permitan conectar coas necesidades do cliente, mellorar a imaxe e os equipamentos dos establecementos para consolidar un comercio de proximidade moderno e atractivo e avanzar no compromiso ambiental e na eficiencia de recursos a través do emprego de bolsas e materiais de embalaxe con baixa pegada de carbono, eliminando materiais plásticos e axeitando o tamaño á dimensión dos produtos.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o vindeiro 26 de febreiro e prolongarase durante un mes, ata o 26 de marzo de 2025.

Liñas de apoios
Unha das principais novidades da orde é a aposta pola reorganización e sintetización das actuacións subvencionables, co obxectivo de que a tramitación sexa o máis práctica e doada posible. Ademais, increméntase a intensidade das axudas ata o 80%.

A primeira das liñas de apoio contempladas, de dixitalización e innovación comercial, inclúe actuacións como a implantación e mantemento de páxinas web, ferramentas de posicionamento dixital, terminais de autopagamento, xestión de redes sociais ou loxística e-commerce, entre outras. A contía máxima de axudas neste apartado é de 35.000 euros.

Canto á liña de modernización comercial, cóbrense obras de acondicionamento e reforma da superficie de exposición e venda, incluíndo a adquisición de mobiliario auxiliar; custos de servizos profesionais para a redacción de proxectos de interiorismo e decoración, así como accións encamiñadas á mellora da eficiencia enerxética. Tamén contempla a adquisición de maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar relacionado coa actividade comercial e artesanal. Neste caso, as axudas poden chegar aos 19.400 euros.

Por último, na liña destinada á sostibilidade ambiental, considéranse subvencionables as actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño á dimensión dos produtos, con investimentos en caixas de cartón ou bolsas de papel 100 % reciclado,  recheos para embalaxe, bolsas de tea de algodón, liño ou cáñamos 100 %. Neste caso, o investimento máximo subvencionable é de 2.500 euros e a axuda máxima outorgada será de 2.000 euros.

Apoio aos centros comerciais abertos
A orde publicada hoxe no DOG enmárcase no Plan estratéxico do comercio 2025-2030, que estará rematado no primeiro trimestre deste ano tras o proceso participativo desenvolvido nos últimos meses. Ao seu abeiro, tamén se impulsan outros apoios para fortalecer o ecosistema comercial galego, entre os que destaca a orde dirixida á dinamización comercial que impulsan os centros comerciais abertos, cun orzamento de 2,5M€. Neste caso, o prazo de presentación de solicitudes estará aberto do mércores 19 de febreiro ao 19 de marzo.