A Xunta lévalle ao alumnado do CEIP Plurilingüe Os Casais de Fene o seu proxecto educativo 'Artesanía na Escola' da man da zoqueira Elena Ferro

  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe este centro educativo no marco dunha nova xornada da unidade didáctica Eu son zoqueira 

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá o CEIP Plurilingüe Os Casais, de Maniños (Fene), onde están a traballar coa unidade didáctica Eu son zoqueira, no marco do programa Artesanía na Escola, impulsado pola Xunta para achegarlle os oficios artesanais e os valores do produto feito á man a escolares de colexios de toda Galicia. Ata o centro achegouse tamén a zoqueira Elena Ferro, protagonista da unidade didáctica, para amosarlle aos nenos e nenas o proceso de elaboración de zocos. 

Artesanía na escola consiste na creación de diferentes unidades didácticas monográficas sobre oficios artesanais e nas que se inclúen unha unidade didáctica en papel que se lle envía aos centros participantes e fichas en formato dixital para poder traballar cos alumnos. Cada unidade didáctica fala dun oficio concreto a través da traxectoria dun artesán ou artesá, co obxectivo de facilitarlle ao alumnado a comprensión do tema ou a ampliación de información, e tamén coa intención de que eses profesionais da artesanía poidan visitar algúns dos centros que están a participar no programa.

En concreto, Eu son zoqueira  está centrada no oficio da elaboración tradicional de zocos a través da figura de Elena Ferro, responsable de Eferro (Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo dende o ano 1915 e que veu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019. 

Achegarlle os oficios artesáns á mocidade
Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e por último, a longo prazo, abordar o relevo xeracional nos oficios artesanais.

Neste ano estase a levar aos centros de ensino a segunda das unidades do programa —Eu son artesán de percusión tradicional, dedicada á elaboración de pandeiretas a través do artesán Xosé Manuel Sanín—, e estase a traballar xa noutras unidades temáticas centradas na ourivería compostelá, na cerámica ou na cestería, co obxectivo de ir incrementando a variedade de oficios que se presentan no marco desta iniciativa.