A Xunta participa en Valencia na reunión do Observatorio Nacional da Artesanía

  • A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asiste a unha nova reunión deste foro impulsado por Fundesarte no que as principais liñas de debate foron a formación e o apoio ao emprendemento no sector

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá nunha nova reunión do Observatorio Nacional da Artesanía, un foro de encontro impulsado por Fundesarte, no que participan as administracións públicas das diferentes comunidades autónomas, así como a Organización de Artesanos de España (OAE).

Durante a reunión, puxéronse sobre a mesa cuestións vinculadas á actualidade da artesanía nas diferentes comunidades, entre as que se atopan a formación e o apoio ao emprendemento no sector.

Fundesarte forma parte da Fundación EOI (Escuela de Organización Industrial) e é a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas, centrada en potenciar, poñer en valor e comunicar a calidade do produto artesán e a sostibilidade dos seus procesos de elaboración. Fundesarte é tamén a entidade que cada ano convoca os Premios Nacionais de Artesanía e a que coordina a participación das diferentes comunidades autónomas en proxectos de carácter internacional como é o caso dos Días Europeos da Artesanía ou de Crafts Code, nos que participa Artesanía de Galicia.