A Xunta pon de relevo o evento efémero de interiorismo ‘Creafogar’ para difundir o potencial da artesanía galega en todo tipo de proxectos
- O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou en Santiago de Compostela a primeira edición desta iniciativa que pon hoxe fin aos seus 20 días de duración
- José González destacou a aposta pola suma de sinerxías entre as empresas participantes, vinculadas a produtos e servizos do fogar e ao sector da construción e entre as que tiveron un papel destacado 55 obradoiros de Artesanía de Galicia
- Valorou este proxecto de interiorismo puramente galego, que acolleu presentacións tanto de técnicos de emprego da Consellería sobre as posibilidades para casar oferta e demanda no sector como de persoas artesás para difundir os seus distintos oficios
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe en Santiago o proxecto efémero de interiorismo Creafogar, que clausura hoxe os 20 días que estivo aberta ao público a súa primeira edición. Alí, puxo en valor a aposta pola suma de sinerxías entre as empresas participantes, vinculadas a produtos e servizos do fogar e ao sector da construción e entre as que tivo un papel destacado a nosa artesanía.
Así, o conselleiro referiuse a Creafogar como un proxecto de interiorismo puramente galego, moderno e innovador, que contou con 55 profesionais inscritos en Artesanía de Galicia. Especializados en oficios como a cestería, a olería, a decoración de teas, a ebanistería, a escultura, a iluminación, a restauración ou os arranxos florais, aportaron -segundo destacou- o seu gran de area para a personalización de ambientes e a creación de espazos singulares e exclusivos, a través de pezas tanto tradicionais como de deseño contemporáneo. Facendo fincapé na riqueza e heteroxeneidade do sector artesán galego, que pode ofrecer propostas -dixo- para calquera tipo de público, González lembrou que catro deles participaron no evento con actividades sobre o tapizado de mobles, o traballo co coiro, a natureza no fogar e a cerámica.
Estas persoas artesás sumáronse á participación de técnicos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que acudiron a Creafogar para afondar no Servizo Público de Emprego de Galicia, nas liñas de acción dirixidas a persoas traballadoras e desempregadas e nos servizos de asesoramento para o autoemprego e o emprendemento. Non só co gallo de contribuír a casar oferta e demanda laboral nos eidos profesionais que implica este gran proxecto de interiorismo, senón tamén para adaptar a formación para o emprego ás necesidades reais do tecido produtivo.
Compromiso coa artesanía
O titular de Emprego referiuse á estratexia integral da Xunta a prol da artesanía que avoga pola innovación e pola adaptación a novas tendencias, con iniciativas como o programa pioneiro para garantir a remuda xeracional Aprender da tradición. Oficios e técnicas, que deu comezo xa a dous de seis novos cursos para seguir apostando por novas caras á fronte da nosa artesanía.
Tamén destacou o programa pioneiro Novos presentes e futuros, que vén de consolidar o seu atractivo a nivel internacional xa confirmado na primeira edición de 2023 pola súa aposta a prol da innovación no sector artesanal galego tomando como base os oficios tradicionais, os recursos locais, os novos materiais e a contorna rural.
En todo caso, sinalou que as accións son moitas e variadas para potenciar o sector artesanal galego: desde axudas á comercialización ou á celebración de feiras, pasando polos Premios de Artesanía de Galicia para recoñecer a mestría, a traxectoria e o talento no sector artesanal galego ou ao Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 que se está a elaborar, cos artesáns e artesáns como uns dos principais interlocutores e co obxectivo de telo listo no primeiro trimestre do ano que vén.