A Xunta pon de relevo a sustentabilidade e a innovación como eixos estratéxicos na recuperación dos oficios tradicionais e no impulso da artesanía

  • O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou hoxe en Ribeira o obradoiro Frouma Atlantic Wood
  • José González puxo en valor a iniciativa de Fran Millán, galardoada co Premio Artesanía de Galicia 2023 e centrada no deseño e elaboración de mobles utilitarios a partir da reciclaxe de madeira das bateas procedentes das rías galegas
  • Destacou, asemade, o papel que xoga o concepto da economía circular neste proxecto, convertendo materiais que xa non serven para o seu uso orixinal en pezas de autor con alma e con historia
  • Lembrou a importancia dos Premios Artesanía de Galicia para poñer en valor o tecido artesanal galego e recoñecer a mestría, a traxectoria e o talento dos seus profesionais
  • O prazo de presentación de candidaturas para a edición 2024 permanecerá aberta desde o vindeiro luns 16 ata o 27 de setembro

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe o obradoiro Frouma Atlantic Wood, galardoado co Premio Artesanía de Galicia 2023.

Durante a visita -na que tamén estivo presente o alcalde de Ribeira, Luis Antonio Pérez Barral-, José González puxo en valor esta iniciativa liderada por Fran Millán, un dos novos talentos que forman parte da marca Artesanía de Galicia, e destacou o seu proxecto non só como un paradigma da recuperación do oficio tradicional da carpintaría -ligado a unha filosofía de sustentabilidade e innovación-, senón tamén como un claro exemplo da remuda xeracional do sector. Concretamente, a proposta de Frouma céntrase no deseño e elaboración de mobles utilitarios a partir da reciclaxe de madeira das bateas procedentes das rías galegas. Ademais, tamén están a incorporar o uso doutros materiais vinculados a Galicia, como as redes de pesca ou a lousa.  

O titular de Emprego destacou, asemade, o papel que xoga o concepto da economía circular neste proxecto, no que se lle dá unha nova vida a un material que xa non serve para o seu uso orixinal e se transforma, a base de deseño, tempo e oficio, nunha peza de autor, con alma e con historia, remarcou. O conselleiro resaltou tamén que a excelencia do traballo de Frouma fíxoa merecedora do Premio Artesanía de Galicia 2023 coa obra Noray -un moble auxiliar elaborado con madeira de batea recuperada tras 25 anos no mar e redes de pesca- e lembrou que o prazo de presentación de candidaturas para a nova edición dos Premios Artesanía de Galicia abrirá o vindeiro luns, destacando a importancia destes galardóns para poñer en valor o tecido artesanal galego e recoñecer a mestría, a traxectoria e o talento dos seus profesionais. O conselleiro tamén remarcou o compromiso do Goberno galego co sector -con máis de 800 obradoiros inscritos no rexistro xeral de artesanía-, ao que destinou máis de 25 millóns de euros de investimento desde o ano 2009, e fixo fincapé na súa capacidade para xerar emprego de calidade, dinamizar o rural galego e vertebrar o territorio.

Premios Artesanía de Galicia 2024
A través destes galardóns, a Xunta quere contribuír a divulgar os oficios artesanais, potenciar a creatividade, incentivar os novos talentos en Artesanía de Galicia, promover a remuda xeracional e apostar pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción. Como en anteriores edicións, dividiranse en tres categorías: Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Gesto.

O Premio Artesanía de Galicia 2024, dotado con 9.000 euros, está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Premiarase a obra que represente unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación e a boa calidade.

Pola súa banda, o Premio Traxectoria 2024 é de carácter honorífico e será outorgado a proposta do propio sector. O obxectivo é recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, que estea ou estivera inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos.

Finalmente, os Premios Artesanía de Galicia fan especial fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada coa categoría Bolsas Eloy Gesto, que como novidade deste ano poderán premiar ata tres candidaturas e estarán dotadas de 4.000 euros cada unha para investir nun centro de formación de prestixio. Nesta categoría, a Xunta busca potenciar o relevo xeracional no sector, o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización. Premiaranse a candidaturas que presenten unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 16 ao 27 de setembro de 2024.