A Xunta pon en valor en Pontevedra os oficios artesanais entre os novos talentos do deseño de moda

  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, entregou hoxe durante a pasarela ‘Debut 24’ o premio á colección con maior valor artesanal, dotado con 1.700 euros e patrocinado polo Goberno galego por cuarto ano consecutivo
  • A Xunta apoia tamén un obradoiro de cestería aplicada á moda para o alumnado do Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Universidade de Vigo, impartido por Belén Martínez, de Casa Atlântica

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, entregou hoxe o premio á colección con maior valor artesanal dotado con 1.700 euros e patrocinado por cuarto ano consecutivo pola Xunta no marco da pasarela Debut 24. Este desfile é unha iniciativa impulsada polo Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda (Esdemga) da Universidade de Vigo que, con esta 18ª edición, celebra o vixésimo aniversario da posta en marcha desta formación en moda. 

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración continúa así coa súa aposta pola incorporación dos oficios artesanais en diferentes disciplinas e ámbitos creativos entre os que se atopa a moda. O obxectivo é divulgar e poñer en valor as técnicas e os oficios artesanais entre os futuros profesionais da moda galega e entender a artesanía como un elemento clave que conecta o deseño cos procesos, co saber facer, coa slow fashion, coa sustentabilidade e coa economía circular. 

Nesa liña, a artesanía galega tamén estivo presente na formación especializada ofrecida no marco do Debut 24 e desenvolvida nos días previos á gala. En concreto, a través do obradoiro práctico de cestería contemporánea aplicada á moda, impartido por Belén Martínez, de Casa Atlântica (Redondela), que se celebrou entre este luns 18 e o mércores 20 de novembro e que estivo dirixido ao alumnado de 2º do Grao en Deseño e ao do Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda. 

No curso exploráronse diferentes técnicas de trenzados e as súas múltiples aplicacións á creación de complementos únicos e innovadores a partir de materiais variados, desde fibras vexetais tradicionais, coma o esparto ou a rafia, ata cordas e materiais reciclados como cables e redes, dándolles unha nova vida e funcionalidade.

Cómpre engadir que na 18ª edición do desfile Debut 24 participan 14 coleccións desenvolvidas como traballos finais do Mestrado en Deseño e Dirección Creativa de Moda. Os proxectos foron avaliados por un tribunal conformado por Enrique de Santiago, senior project manager de marroquinería e accesorios de Loewe; Fabrizio Bencherucci, docente en Polimoda (Florencia) e consultor do Gruppo Tessile Bellandi; Natalia Culebras, directora de deseño sustentable e deseñadora en Dior Men; Nils Amadeus Lange, docente de performance no Grao de Deseño de Moda da Basel Academy of Art and Design FHNW; Pablo Pallardo, director de accesorios de Bimba y Lola; Aurea Aburto, deseñadora de accesorios en Bimba y Lola; e Charo Froján e Alfredo Olmedo, deseñadores da marca DDUE.