A Xunta pon en valor o talento de Julia de la Cal, Premio Artesanía de Galicia 2024, como exemplo de innovación e referente da cestería contemporánea

  • O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe no Porriño o obradoiro artesán La Parabólica, un dos máis de 250 situados en Pontevedra
  • José González destaca a aposta da creadora por unha artesanía competitiva no mercado actual, que mantén moi presentes as súas raíces e fusiona o legado do feito á man cunha visión moderna e multidisciplinar
  • A súa obra ‘PERIFERIA#01’, pola que foi recoñecida na última edición dos galardóns Artesanía de Galicia, supón unha redefinición da cesta tradicional, experimentando co uso de elementos e materiais máis industriais coma o cemento
  • Julia de la Cal tamén foi beneficiaria en 2021 dunha das bolsas Eloi Gesto outorgadas pola Fundación Artesanía de Galicia, o que lle permitiu completar a súa formación en Francia e afondar na aplicación do seu oficio a ámbitos coma o paisaxismo
  • O Goberno galego mantén un firme compromiso con este sector fundamental, que terá un oco prioritario no Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030 reforzando, entre outras medidas, a continuidade do programa pioneiro ‘Aprender da tradición’
  • No seu marco, na actualidade desenvólvese en Chantada o curso ‘Fibranzas. Laboratorio de fibras vexetais’, enfocado á divulgación e á transmisión dos oficios da cestería e dos labores de palla

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá o taller La Parabólica, impulsado pola deseñadora e cesteira Julia de la Cal.

José González, nunha visita na que tamén participou o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor que a creadora representa o presente e o futuro dun oficio tradicional como é a cestería, apostando por unha artesanía competitiva no mercado actual, que mantén moi presentes as súas raíces e fusiona o legado do feito á man cunha visión contemporánea, innovadora e multidisciplinar. Neste sentido, destacou que a obra PERIFERIA#01, pola que foi galardoada na última edición do premios Artesanía de Galicia, é un exemplo paradigmático destes valores, redefinindo a cesta tradicional para convertela nun obxecto cheo de oportunidades estéticas e experimentando co uso de elementos e materiais máis industriais —como pode ser o cemento— para recubrir o tecido das fibras vexetais.

O conselleiro fixo fincapé na sólida formación de Julia de la Cal —un dos eixos clave, sinalou, para garantir a remuda xeracional e a competitividade do sector—, completada en 2021 en Francia a través dunha das bolsas Eloi Gesto outorgadas pola Fundación Artesanía de Galicia, o que lle permitiu afondar na súa técnica e na posterior aplicación a ámbitos coma o paisaxismo. Precisamente na actualidade, La Parabólica conta con  proxectos de construción de vimbio vivo, de peches de vimbio para diferentes espazos e mesmo de escaparatismo, como a intervención realizada en 2024 para diferentes tendas de Adolfo Domínguez.

O titular de Emprego recoñeceu o compromiso de Julia de la Cal coa transmisión do seu oficio e destacou a súa colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia participando en eventos tan importantes coma o Corazón da Artesanía de Agolada, como docente en Artesanía de Galicia no Courel e través de diferentes actividades de divulgación coma os Días Europeos da Artesanía.

Impulso estratéxico do sector artesán
La Parabólica é un dos máis de 250 obradoiros artesáns adheridos a Artesanía de Galicia na provincia de Pontevedra. O Goberno galego mantén un firme compromiso con este sector fundamental, fonte de emprego, de desenvolvemento sustentable e de emprendemento ligado ao territorio e que terá un oco prioritario no Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030, unha folla de ruta que a Xunta rematará este mes tras un intenso proceso de escoita activa con todo o sector.

Ademais de medidas específicas para continuar impulsando o sector comercial e adaptándoo aos novos retos, o plan tamén contemplará actuacións para garantir a competitividade e a remuda xeracional dos oficios tradicionais, reforzando a continuidade do programa pioneiro iniciado en 2023 Aprender da tradición, coa vontade de incrementar o número de actividades e a diversidade de técnicas.

Precisamente no marco deste programa está en marcha na actualidade o curso Fibranzas. Laboratorio de fibras vexetais, unha acción formativa de catro módulos enfocada á divulgación e á transmisión dos oficios da cestería e dos labores de palla e con fibras vexetais en sentido amplo. Os alumnos e alumnas poderán achegarse ao proceso completo: desde a obtención das fibras vexetais cesteables ata o deseño de produto e a produción artística, pasando tamén polas técnicas de cestería tradicional.

A formación, que se prolongará ata decembro de 2025, desenvólvese en San Cristovo de Mouricios (Chantada) e contará coa participación de cesteiros galegos como Idoia Cuesta, Álvaro M. Leiro ou Enrique Táboas, os daneses Jette Mellgren e Jan Johansen, o catalán Pau Trepat, a artista Sonia Navarro ou o deseñador Miguel Leiro.