A Xunta presenta en Alacante o seu proxecto ‘Enredadas’ de fomento da diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas

  • A Fundación Artesanía de Galicia colaborou en La Vila Vella 2024, un grande evento arredor do patrimonio etnográfico marítimo que se celebrou onte en Villa Joyosa
  • A redeira Rosa Rodríguez, de Artesanía de Galicia, ofreceu unha demostración do oficio tradicional, ademais da venda dos produtos elaborados a partir da reciclaxe das redes de pesca, no marco da iniciativa Enredadas, impulsada pola Xunta
  • Enredadas é un proxecto de boas prácticas iniciado en 2012 co gallo de abrir novas oportunidades de negocio nos ámbitos da moda, dos complementos ou da decoración, a través de cursos de formación e da aplicación do deseño contemporáneo ao oficio

A Fundación Artesanía de Galicia colaborou onte, na localidade alacantina de Villa Joyosa, nun grande evento arredor do patrimonio etnográfico martítimo, no que se deu a coñecer o proxecto Enredadas, que impulsa a Xunta dende o ano 2012 co obxectivo de fomentar a diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas. Así, a redeira Rosa Rodríguez, de Corme (Ponteceso), participou na feira de venda de produtos elaborados como resultado da aplicación do deseño contemporáneo ás técnicas tradidiconais da elaboración de redes, ademais de realizar unha demostración do seu oficio.

La Vila Vella 2024 é un evento enfocado na divulgación do patrimonio marítimo e na posta en valor do conxunto histórico de Villa Joyosa, declarado Ben de Interese Cultural. A través do lema “Entretecendo a memoria da Vila: somos mar, cores e redes”, búscase crear un acto moi diverso no que se combinan as recreacións etnográficas como o sistema de fiado ou a cordelería, con intervencións artísticas nas rúas reinterpretando o patrimonio marítimo, así como unha mediación entre os gremios das redeiras galegas e as de Alacante.

Enredadas

Enredadas é un proxecto de boas prácticas iniciado no ano 2012 pola Xunta, enfocado a diversificar o traballo das redeiras artesás galegas para lles facilitar a apertura de novas oportunidades de negocio a través doutros ámbitos como a moda, os complementos e a decoración, ao que se lle engadiu o ano pasado o ámbito das mascotas. A través de cursos de formación especializada e continuada, redeiras artesás de diferentes localidades galegas teñen a posibilidade de acadar unha renovación desta actividade tradicional ao tempo que incrementan os seus ingresos.

Os obxectivos do proxecto Enredadas son poñer en valor o traballo das redeiras artesás e do seu oficio, apoiando a diversificación da súa actividade profesional, mellorando a súa situación económica, fomentando a súa estabilidade laboral e incorporando novas redeiras ao sector. Búscase tamén promover a colaboración intersectorial que lles abra as portas ás redeiras dun mercado contemporáneo, introducir novos materiais e mellorar as técnicas e a calidade dos produtos elaborados.

Enredadas contribúe así a potenciar o valor social do oficio das redeiras, aposta pola sustentabilidade e pola economía circular, ademais de apoiar a comercialización dos novos produtos e a promoción do propio proxecto. Grazas á  iniciativa, a Fundación Pública Artesanía de Galicia foi galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016.