A Xunta presenta no Congreso Nacional de Artesanía de Granada o seu proxecto de diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas

  • A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, expuxo no encontro este proxecto de boas prácticas que lles facilita a estas artesás novas oportunidades de negocio en ámbitos como a moda, os complementos e a decoración

A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, presentou esta mañá en Granada o proxecto de diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas, Enredadas, no marco do I Congreso Nacional de Artesanía, que está a ter lugar na cidade andaluza. Onte pola mañá, Elena Fabeiro participou tamén nunha reunión do Observatorio da Artesanía, un foro de encontro impulsado pola Escola de Organización Industrial (EOI) - Fundesarte, no que participan as administracións públicas das diferentes Comunidades Autónomas, así como a Organización de Artesanos de España (OAE).

O I Congreso Nacional de Artesanía celébrase baixo o lema Colaborar, ensamblar, construír, organizado polo Centro de Referencia Nacional de Artesanía e por outras entidades como a Escola de Organización Industrial (EOI) - Fundesarte, Oficioyarte- Organización dos Artesáns de España e a Cátedra de Innovación en Artesanía, Deseño e Arte Contemporánea da Universidade de Granada, para amosar de forma conxunta como abrirse a novos mercados ou ampliar o alcance produtivo do sector artesán para ser máis competitivo.

No marco do programa do Congreso, Elena Fabeiro presentou o proxecto Enredadas, impulsado pola Xunta de Galicia desde o ano 2012 e que acadou o Premio Promociona para Entidades Públicas nos Premios Nacionais de Artesanía 2016. Enredadas é un proxecto de boas prácticas impulsado pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e pola Consellería do Mar e enfocado a diversificar o traballo das redeiras artesás galegas, para lles facilitar a apertura de novas oportunidades de negocio a través doutros ámbitos como a moda, os complementos e a decoración. A través de cursos de formación especializada e continuada, redeiras artesás de diferentes localidades galegas teñen a posibilidade de acadar unha renovación desta actividade tradicional.

Os obxectivos do proxecto Enredadas son poñer en valor o traballo das redeiras artesás e do seu oficio, apoiando a diversificación da súa actividade profesional e incorporando novas redeiras ao sector. Búscase tamén fomentar a colaboración intersectorial que lle abra as portas ás redeiras dun mercado contemporáneo, introducir novos materiais e mellorar as técnicas e a calidade dos produtos elaborados. Enredadas contribúe a potenciar o valor social do oficio das redeiras, aposta pola sustentabilidade e pola economía circular, así como apoia a comercialización dos novos produtos e a promoción do propio proxecto.

Así mesmo, aínda é posible visitar no Centro Albayzín de Granada a mostra de fotografías Enredadas, que leva aberta desde o pasado 28 de marzo, con motivo dos Días Europeos da Artesanía. Nas fotografías que conforman a exposición, e que están realizadas por Miguel Vidal, amósase como as redeiras galegas aplicaron as técnicas do oficio tradicional de elaboración e reparación de redes aos ámbitos da moda, dos complementos e da decoración de interiores.