A Xunta promove a comercialización de Artesanía de Galicia nunha tenda efémera en Sanxenxo en colaboración coa firma téxtil D-due

  • O Pop Up Artesanía de Galicia & D-due inclúe pezas de 47 obradoiros artesanais galegos e  especializados en olería e cestería tradicional, madeira, tecido, madeira, vidro, estampaxe ou coiro, entre outros
     

A Consellería de Economía, Industria e Innovación promove a comercialización de pezas da marca Artesanía de Galicia nunha tenda efémera en Sanxenxo organizada en colaboración coa marca de moda D-due. Por terceiro ano consecutivo, a Fundación Artesanía de Galicia impulsa esta iniciativa coa que se busca ofrecer unha mostra do talento galego, do feito á man e da artesanía feita en Galicia, vinculada a unha empresa téxtil de referencia.

O Pop Up Artesanía de Galicia & D-due estará aberto ao público na rúa Luis Vidal Rocha, 5 (no edificio Fonte de Ramos) durante os meses de xullo e agosto. Poderanse atopar pezas de 47 obradoiros da marca Artesanía de Galicia, que están especializados na olería tradicional, na cerámica, na madeira, na cestería tradicional, no tecido, na elaboración e reparación de redes, nos coitelos, na elaboración de zocos, no traballo co coiro, na elaboración de figuras con miga de pan (sanandresiños), nos xoguetes, no gravado, no encaixe, na xoiería, na cestería de palla na elaboración de complementos, no vidro, na estampaxe e no traballo co feltro.

Os obradoiros dos que se poderán mercar pezas durante todo o verán en Sanxenxo son Alberto Lista e Alfarería Rulo, de Buño (Malpica de Bergantiños); Alfarería Agustín, Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo); Rectoral de Gundivós (Sober); os obradoiros da Coruña Arobe Cerámica, Artefíos, Branqueta, Víctor Ares, Arteviares e D-Raíz; os da Estrada Artesanía Ferradáns e Atalanta Madera; e os obradoiros composteláns Variopinto, Boina Galega, Xaime Piñeiro, Lorenzo Design, Copia Cerámica e Laura Triñanes.

Tamén contará con traballos de Elena Ferro (Vila de Cruces); Cerámica Unzueta (Brión); Jorge Bellón (Cedeira); Redeiras artesás, de Corme (Ponteceso); as artesás de Outeiro de Rei Idoia Cuesta e Olería de Bonxe; Armaior (Quiroga); Concha Canoura (Culleredo); Liño de Galicia (Vimianzo); Celso Ferreiro (A Fonsagrada); os obradoiros de Cambre Polo Enríquez e Laura Delgado; os profesionais de Vigo A Casa Rodante, Ojea Studio, Xar Arte e Antonio Suárez; Mar Barral (Catoira); Fundación Terra Termarum Castrolandín (Cuntis); Lucecús (Vilalba); Artesanía Silvent (Caldas de Reis); Cuchillos A. Castro (O Barco de Valdeorras); Raposiñas (A Pobra do Caramiñal); Olería do Batán (Baños de Molgas); Amorote (Ames); Rake Cerámica (Baiona); Santiago Besteiro (Monterroso); M. Isabel Liñares Recimil (Silleda); Carballo Estrela (Pontevedra) e Quercur Leathercraft (Lugo).

Artesanía de Galicia xa ten colaborado noutras ocasións coa empresa téxtil de Rianxo D-due en eventos de comercialización conxunta como o que terá lugar este verán en Sanxenxo. No ano 2016, Artesanía de Galicia viaxou a Xapón da man de D-due para amosar o traballo de varios obradoiros artesáns e foi grazas a este tipo de colaboracións que o sector artesán galego puido introducirse no mercado nipón a través da cadea de tendas HP France, que conta con case un cento de establecementos en Xapón.