A Xunta promove a marca artesanía de Galicia e o sector artesán galego na Escola de Arte e Superior de Deseño Antón Faílde de Ourense

  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, impartiu unha charla esta mañá para os alumnos de ebanistería artística que complementa a exposición ‘Sacando viruta. Artesanía e deseño’, que se poderá visitar ata o 26 de maio

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, impartiu esta mañá unha charla entre o alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense, centrada na promoción da marca Artesanía de Galicia entre os futuros profesionais do sector. Esta actividade complementa a exposición Sacando viruta. Artesanía e Deseño, organizada polo departamento de Ebanistería Artística desta escola, que hoxe se abre ao público.

A mostra poderase visitar ata o 26 de maio na Biblioteca Pública de Ourense. O título da exposición fai referencia ao traballo de extracción do material residual da madeira e construír a forma, tanto no tocante ás propias pezas como no da formación do artesán ebanista. Está conformada por trinta pezas, entre mobiliario e obxectos pequenos, que se caracterizan por unir proxecto e proceso no camiño de aprendizaxe de traballo co material. Como complemento a esta primeira xornada da mostra, Elena Fabeiro impartiu a charla Facendo Marca. Artesanía de Galicia dirixida a presentarlles aos futuros ebanistas a marca e o apoio institucional que se lle ofrece aos profesionais galegos inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.