A Xunta promove na ‘Maker Faire Galicia’ a conexión das novas xeracións cos oficios artesanais
- O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou na mesa inaugural da I Xornada de oficios Revitalizando a tradición, que se celebra hoxe en Santiago de Compostela, no marco da X Maker Faire Galicia
- A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participará nunha mesa redonda sobre novos materiais con Attua Aparicio, Mauro Trastoy e Francisco Guitián
- Na programación constan recoñecidos profesionais de Artesanía de Galicia como a zoqueira Elena Ferro (Premio Nacional de Artesanía 2019) ou Fran Millán (Premio Artesanía de 2023)
- Están previstos tamén obradoiros de iniciación á estampaxe con Amor ó teu (Ames), de coiro con Mocao Artesanía (Oleiros) e de cianotipia e mamorlado, con Peixesapop (Vigo), entre outras actividades
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá en Santiago de Compostela na mesa de apertura da I Xornada de oficios Revitalizando a tradición, no marco da décima edición da Maker Faire Galicia, co obxectivo de potenciar a conexión das novas xeracións de creadores cos oficios artesanais. A través desta xornada, que conta co apoio da Xunta, búscase resaltar a relevancia e o potencial dos oficios tradicionais, demostrando como se poden adaptar e modernizar sen perder a súa esencia.
A primeira das charlas estivo a cargo da zoqueira Elena Ferro, titular do obradoiro Eferro (Merza, Vila de Cruces), que conta con máis de cen anos de traxectoria, galardoada co Premio Nacional de Artesanía 2019, e que centrou a súa intervención na dignificación dos oficios tradicionais.
A partir das 12,15 h., a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participará nunha mesa redonda dedicada aos novos materiais na que participarán tamén Attua Aparicio, o artesán compostelán Mauro Trastoy e Francisco Guitián. No encontro, explorarán a importancia da innovación nos oficios tradicionais.
Na programación de actividades incluése tamén unha charla de Fran Millán, do obradoiro Frouma Atlantic Wood (Ribeira), gañador do Premio Artesanía de Galicia 2023, que falará sobre o seu traballo de elaboración de mobles a partir da recuperación de madeira das bateas galegas.
Beatriz Barril, de Spacio B (Teo) participará nunha mesa redonda xunto con Álvaro Indias e Leticia Castro, na que se debaterá o impacto das comunidades nos oficios.
Obradoiros abertos
Nesta primeira Xornada de oficios haberá diferentes obradoiros abertos orientados tanto ao público infantil como ao adulto, impartidos por diferentes titulares de Artesanía de Galicia e nos que os asistentes poderán experimentar con diferentes técnicas artesanais. O obradoiro Amor ó teu (Ames) ofrecerá dúas quendas dun taller de estampaxe de selos, Mocao Artesanía amosará como traballar o coiro -tamén en dúas quendas- e Peixesapop (Vigo) daralle ao público a oportunidade de experimentar coas técnicas da cianotipia e do marmolado.
O evento complétase co Espazo Makers, no que se presentarán proxectos innovadores e creativos relacionados cos oficios tradicionais e que contará cunha área apoiada por Artesanía de Galicia na que exporán o seu traballo obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía como Amor ó teu (Ames), Carmelamola (Bergondo), DRositas (Santiago de Compostela), Deica Creacións (Santiago de Compostela), Elena Ferro (Vila de Cruces), J. Eiroa Forxa (Culleredo), Jerolas y Josefas (Curtis), Mocao Artesanía (Oleiros), Susana Anta Cerámica (A Coruña) ou Variopinto (Santiago de Compostela), así como a Escola de Canteiros de Poio, dependente da Xunta de Galicia. Xa pola tarde, está previsto un laboratorio de ideas sobre o futuro dos oficios tradicionais, as oportunidades e os desafíos da época actual.
A entrada ao evento é gratuíta ata completar aforo e está orientada especialmente a centros educativos e a estudantes e novos talentos que estean completando a súa formación, así como a calquera persoa interesada en descubrir o futuro dos oficios tradicionais.