A Xunta promove a vinculación dos oficios artesanais e da circularidade na industria da moda
- A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu en Rianxo ao taller creativo Deseñando circularidade, impulsado por MuyMonito e D-due en colaboración coa Vicepresidencia segunda e consellería de Economía, Industria e Innovación, no marco do New European Bauhaus Festival
- O obxectivo do evento é divulgar entre os máis novos os principios do deseño circular e as posibilidades de integrar prácticas sostibles nos procesos produtivos industriais
A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá en Rianxo no taller creativo Deseñando circularidade, impulsado polas empresas MuyMonito e D-due en colaboración coa Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, no marco do New European Bauhaus Festival.
O taller ten o obxectivo de divulgar entre os máis pequenos os principios do deseño circular e as posibilidades de integrar prácticas sostibles nos procesos produtivos industriais, en concreto na industria da moda. Participaron escolares do CEIP de Vilaboa (Pontevedra), alumnos e docentes do Máster Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda (Esdemga) da Universidade de Vigo, o obradoiro de tecido Fusaiola (Vilalba) – que forma parte da marca Artesanía de Galicia – e a empresa Confecciones MRF, baixo a supervisión de Charo Froján e Alfredo Olmedo, deseñadores e co-directores creativos da empresa téxtil D-due.
Durante o encontro, a tecedeira Lourdes Otero, do obradoiro Fusaiola (Vilalba) da marca Artesanía de Galicia, falou sobre o liño e a súa vinculación histórica con Galicia e encargouse de parte da produción da peza final colectiva que se desenvolveu despois das intervencións teóricas.
O New European Bauhaus Festival é un evento mixto –online e presencial– impulsado pola Comisión Europea en diferentes localizacións que busca fomentar o debate de expertos en diferentes actividades arredor da beleza, da sostibilidade e da inclusión. Busca construír conexións entre actividades e individuos, a través da unión dos mundos da investigación, da ciencia e da tecnoloxía aos da educación e do compromiso civil, así coma o da arte, da cultura e da arquitectura.