A Xunta resalta en Ponteceso a importancia de achegarlle os oficios artesáns aos máis pequenos como motor do desenvolvemento de Artesanía de Galicia

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta tarde os obradoiros para familias que organiza ata o domingo a Fundación Eduardo Pondal, co apoio da Xunta de Galicia, para celebrar os Días Europeos da Artesanía

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, salientou esta tarde a necesidade de divulgar os oficios artesanais entre a sociedade, e especialmente entre os máis pequenos, como motor do desenvolvemento do sector artesán galego e da marca Artesanía de Galicia. Heredia visitou hoxe, xunto coa xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, os obradoiros para familias que se están desenvolvendo na aldea do Couto (Ponteceso) para celebrar os Días Europeos da Artesanía.

Durante a súa visita, destacou a necesidade de achegarlle ao público os valores da artesanía e todo o que esta implica como unha das claves para consolidar a imaxe da marca, incrementar a comercialización do sector e contribuír ao relevo xeracional.

A Fundación Eduardo Pondal organiza entre hoxe e o domingo tres talleres de artesanía dirixidos a familias e impartidos polos artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, que contan coa colaboración da Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia. Esta tarde realízase un obradoiro de gyotaku, unha técnica tradicional artística xaponesa de estampaxe manual a través dun obxecto. Mañá, celebrarase un obradoiro de cianotipias, no que se conseguirán imprimir negativos empregando papel de acuarela e un produto químico sensible á luz, en diversos tons de azul. O domingo será a quenda do obradoiro de papel marmolado, no que os participantes acadarán orixinais formas mediante unha técnica gráfica que consiste en colorear unha folla de papel poñéndoa en contacto con pigmentos non solubles que flotan na auga. O horario dos talleres durante a fin de semana é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Os Días Europeos da Artesanía é un evento anual de divulgación dos oficios artesanais no que participan diferentes países e que en España está promovido pola Escuela de Organización Industrial (EOI) e pola súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. Galicia súmase este ano por novena ocasión consecutiva e a Xunta colabora en diversas actividades, entre as que se atopan estes obradoiros para familias de Ponteceso, así como outras dúas iniciativas en Mondoñedo e Santiago de Compostela.

Desde o pasado martes e ata mañá sábado estase a celebrar tamén en Santiago de Compostela a programación Escaparates viventes, organizada polo Mercado Galego da Creatividade, na que se ofrecen demostracións en vivo de 10 obradoiros da marca Artesanía de Galicia especializados en diferentes oficios como xoiería, téxtil, madeira, escaparatismo, vidro ou restauración.

Entre hoxe e o domingo terán lugar no barrio dos Muíños en Mondoñedo diferentes actividades de carácter tanto presencial como online a cargo dos obradoiros de cantería de Fernando Vilariño, o taller de serigrafía de Estudio Estampa, o obradoiro de títeres Mircromina e o de cerámica Esquina Atlántica. Será en horario de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas.