A Xunta resalta o papel da olería tradicional no X Encontro de Cacharreiros de Niñodaguia

  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na inauguración do X Encontro de Cacharreiros, que se celebra no Museo da Olería de Niñodaguia ata o domingo 18
  • A programación inclúe demostracións, obradoiros con venda directa e visitas guiadas ao museo ás 13,00 e ás 18,00 h.

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na apertura do X Encontro de Cacharreiros de Niñodaguia, que se celebra no Museo da Olería de Niñodaguia ata o domingo 18. Durante a súa visita, resaltou o papel da olería tradicional na Artesanía de Galicia e a importancia do apoio institucional a este tipo de eventos monográficos que contribúen a manter, amosar e poñer en valor estes oficios artesanais.

Como cada ano, a Xunta colabora neste evento, organizado polo Concello de Xunqueira de Espadanedo, que se está a consolidar como unha cita de referencia para o sector da olería e da cerámica. Entre os participantes desta edición atópanse os oleiros de Niñodaguia Agustín Vázquez e Enrique Cabana, Olería do Batán (Baños de Molgas), Carlos San Claudio (Vigo), Antón Román (Gondomar) e Susana González (A Coruña); e en representación da olería portuguesa, os artesáns Carlos Lima e Xana Monteiro. Ademais, está prevista a participación do telleiro O Buraco, do torneiro Adrián Pena (Vigo) e da cesteira Julia de la Cal (O Porriño).

A programación de actividades inclúe demostracións ao vivo e venda de pezas, así como visitas guiadas ao Museo da Olería de Niñodaguia, que terán lugar os tres días en dúas quendas, ás 13,00 e ás 18,00 h. O programa complétase coas actuacións de música tradicional dos grupos Xunquereteiras, o venres, e Os Trabazos, o sábado, que terán lugar a partir das 20,00 h.