A Xunta reunirá en setembro en Chantada a profesionais nacionais de referencia para debater sobre innovación e economía circular na artesanía
- Esta cita denominada Novas artesanías para novas ecoloxías terá lugar o 21 e o 22 de setembro en San Cristovo de Mouricios co fin de reflexionar sobre unha nova realidade vinculada aos novos materiais e sobre os materiais tradicionais do rural
- Está comisariada pola arquitecta e deseñadora de moda experimental especializada en novos materiais, artesanías innovadoras e fabricación dixital, Raquel Buj, de Madrid; e polo arquitecto, deseñador e ceramista Carlos Jiménez, de Murcia
- Incluirá conferencias e mesas redondas nas que profesionais como ceramistas, persoas vencelladas ao deseño gráfico e téxtil, así como á investigación de novos materiais e técnicas, afondarán no uso de novos materiais e tendencias no sector
A Fundación Artesanía de Galicia, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, reunirá en Chantada o 21 e o 22 de setembro a profesionais de referencia nacional en diferentes ámbitos para debater sobre cuestións como a innovación, a tradición, a economía circular e o futuro no sector da artesanía.
Será no marco das xornadas Novas artesanías para novas ecoloxías, que teñen como obxectivo reflexionar sobre novidades que xurdiron arredor da artesanía en territorio nacional e internacional. Con ese fin, desenvolveranse conferencias e mesas redondas nas que se afondará nos proxectos e maneiras de facer e na mestura de saberes locais con novas técnicas e tecnoloxías.
Tamén se debaterá sobre o aproveitamento de materiais da contorna na artesanía facendo fincapé no potencial do rural como xerador de novas oportunidades culturais, socioeconómicas e respectuosas co medioambiente.
A cita está comisariada pola arquitecta e deseñadora de moda experimental especializada en novos materiais, artesanías innovadoras e fabricación dixital, Raquel Buj, de Madrid; e polo arquitecto, deseñador e ceramista Carlos Jiménez, de Murcia. Entre os profesionais que participarán nas mesas redondas que haberá os dous días están ceramistas, persoas vencelladas ao deseño gráfico e téxtil e tamén relacionadas coa investigación de novos materiais, xeitos de creación, técnicas artesanais e coa economía circular neste campo.
As persoas interesadas en asistir a estas xornadas poderán inscribirse na páxina web da Fundación Artesanía de Galicia onde proximamente se habilitará un apartado para este fin.