Premios Artesanía de Galicia 2014

Categorías:

•    Premio Artesanía de Galicia 2014. Dotación de 6.000 € e diploma acreditativo.
•    Premio Traxectoria. Sen dotación económica e con trofeo acreditativo.
•    Bolsa Eloy Gesto. Bolsa de formación de 3.000 € e diploma acreditativo.

Gañadores:

•    Premio Artesanía de Galicia 2014: Marta Armada (Vigo), pola peza con lema "Sen lastre". O traballo desta ceramista e deseñadora de xoias é como un mapa de situación no que o espectador pode percorrer lugares, momentos e situacións nos que a autora destila as súas vivencias e amosa a súa persoal visión do micro mundo ao que remiten os seus traballos.

Finalista: Viviana Araújo (Pontevedra), que dirixe a tenda-obradoiro Estilo Aramar, especializada en complementos femininos artesanais, como turbantes, tocados e sombreiros de festa, e flores artesanais de tea e plumas, que presentou a peza con lema Luscofusco

Finalista: obradoiro de xoiaría Ardentia (Bergondo. A Coruña), que participou coa peza con lema Origami. Esta empresa, con mais de 27 anos de vida e presente en mais de vinte países, deseña e elabora coleccións de xoiaría contemporánea en prata de lei e esmalte ao lume cun marcado carácter diferenciador.

•    Premio Traxectoria 2014: Domingo Ayaso, (Aguiño-Ribeira. Pontevedra), en recoñecemento a un profesional que destaca tanto pola calidade da súa obra como polo seu compromiso coa divulgación do oficio. O premio está impulsado polo propio sector, xa que as candidaturas foron presentadas por outros obradoiros ou por asociacións profesionais, neste caso pola Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari).

•    Bolsa Eloy Gesto 2014: Verónica Moar (A Coruña), que estudou o ciclo superior de Cerámica Artística na EASD Pablo Picasso e que ten participado en diferentes exposicións.

Mención de Honra: a deseñadora de xoias Eva Dávalos, nada en Mérida e residente en Vigo.