Premios Artesanía de Galicia 2016

Categorías:

•    Premio Artesanía de Galicia 2016. Dotación de 6.000 € e trofeo acreditativo.
•    Premio Traxectoria 2016. Sen dotación económica e con trofeo acreditativo.
•    Bolsa Eloy Gesto 2016. Bolsa de formación de 3.000 € e diploma acreditativo.

Gañadores:

•    Premio Artesanía de Galicia 2016: Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela), especializado en xoiaría, presentou a peza con lema "Voluta Volutidae". O xerme de Noroeste Obradoiro é a Galería Noroeste, fundada polo xoieiro Antonio Ibáñez en 1994 na cidade de Santiago. No ano 2011 Jose Castro, faise socia e codirectora da Galeria Noroeste e comeza con Antonio Ibáñez unha nova aventura creando un espazo novo no que se unifica a galería cos seus respectivos talleres persoais, unindo a creación, manufactura e venda das súas pezas en Noroeste Obradoiro no ano 2013.

Finalista: o ceramista Víctor Ares (A Coruña). Especializado no deseño e produción de todo tipo de cerámica en gres ou porcelana, de xoias de fantasía e composicións ou esculturas murais, incluíndo cerámica utilitaria. As súas fontes de inspiración son a natureza e a cerámica tradicional galega, que reinterpreta para producir os seus propios deseños.

Finalista: a artesá do vidro Rosa Méndez (Teo). Dende os seus inicios, o proceso creativo de Rosa Méndez pasa pola pintura e a escultura, ata desembocar na xoiería. O vidro é o material a través do que se vai trenzando o fío argumental da súa obra. O seu estilo persoal e intemporal caracterízase pola pureza formal.

•    Premio Traxectoria 2016: Julio Lado, a proposta da Asociación Galega de Artesáns. Nado en 1937, é probablemente o decano dos prateiros e ourives composteláns, que continuou a estirpe que comezou hai case 130 anos co seu bisavó Andrés. A Julio Lado concedéronlle o primeiro premio provincial de destreza no oficio en 1982, promovido polo Ministerio de Cultura. Chegou a ter oito empregados no seu obradoiro de Santiago, que elaborou pezas sobre todo para a igrexa e para clientes particulares de toda España. Desde hai décadas é público o seu decidido compromiso e a súa insistencia na substitución xeracional.

•    Bolsa Eloy Gesto 2016: Madriguera Workshop, un obradoiro creativo que se dedica ao deseño e á elaboración artesanal de pezas de autor. Especializado na cerámica, conta cunha serie de coleccións propias, de produtos funcionais e de cotío. Asemade, colabora ofrecendo solucións de deseño de produto en proxectos por encargo. O equipo está formado por Luis Llamas e Lydia de la Piñera, ambos con formación en artes aplicadas.