Premios Artesanía de Galicia 2019
Categorías:
• Premio Artesanía de Galicia 2019: dotado con 9.000€ e trofeo acreditativo
• Premio Traxectoria 2019: de carácter honorífico e trofeo acreditativo
• Bolsa Eloy Gesto 2019: dotada con 4.000€ para investir en formación especializada nun centro de prestixio e diploma
Gañadores:
• Premio Artesanía de Galicia 2019: O ebanista Frank Buschmann (Corcubión, A Coruña), pola prensa de flores Monas. Valorouse a calidade, a sutileza, a poesía e a evocación da natureza galega partindo de elementos sinxelos para chegar a unha peza conceptualmente rotunda e fermosa. O seu traballo multidisciplinar abrangue a arte, o deseño ou a artesanía cun xeito de produción ético, en consonancia coa integridade profesional de quen crea o obxecto.
• Premio Traxectoria 2019: o oleiro Agustín Vázquez (Niñodaguia, Xunqueira de Espadanedo), proposto pola Asociación Galega de Artesáns (AGA) en recoñecemento á súa traxectoria profesional consolidada. Agustín Vázquez exerceu toda a súa vida profesional como oleiro tradicional. O seu obradoiro forma parte do reducido número de “museos ou conservatorios vivos” das formas da cultura popular de Galicia que aínda elaboran pezas históricas máis alá do seu interese comercial. Ademais da súa actividade como oleiro, sempre foi unha referencia en relación a calquera actividade vinculada coa promoción da olería de Niñodaguía. As pezas tradicionais de Agustín Vázquez transmiten o seu amor polo oficio.
• Bolsa Eloy Gesto 2019: Minia Banet, do estudio Variopinto (Santiago de Compostela). No seu estudio creativo, fundado en 2017, entrelázanse a fotografía, o bordado e a artesanía. Está dedicado á creación de pezas de decoración e accesorios, inspirados sobre todo no mundo do cinema, a fotografía e a botánica. No seu proceso de creación mestura técnicas coma o collage, a fotografía e o bordado contemporáneo.