Premios Artesanía de Galicia 2020
Categorías:
- Premio Artesanía de Galicia 2020: dotado con 9.000€ e trofeo acreditativo
- Premio Traxectoria 2020: de carácter honorífico e trofeo acreditativo
- Bolsa Eloy Gesto 2020: dotada con 4.000€ para investir en formación especializada nun centro de prestixio e diploma
Gañadores:
Premio Artesanía de Galicia 2020: O obradoiro Traxandaina Traxe Tradicional (Lugo), pola súa obra Tesouro Aldeán, unha capa baseada nunha lensa antiga do traxe galego e seguindo as técnicas de elaboración das costureiras tradicionais. O xurado por unanimidade destacou o valor de Tesouro Aldeán como unha peza contemporánea cunha manufactura tradicional e unha manifestación contundente do oficio.
Finalista Premio Artesanía de Galicia 2020: a ceramista Laura Delgado (Cambre) pola peza Construción, rotura y reconstrución del puzzle del confinamiento, unha peza escultórica relacionada coa pandemia e elaborada durante o confinamento, coas limitacións técnicas de non poder acceder ao taller.
Finalista Premio Artesanía de Galicia 2020: o obradoiro de coiro Santiago Besteiro (Monterroso), pola peza Pharos, unha proposta que tamén fai referencia ao confinamento e recupera o simbolismo do faro como punto de referencia na situación de incerteza emocional na que nos deixa a pandemia.
Finalista Premio Artesanía de Galicia 2020: o obradoiro de coiro Jatafarta (Santiago de Compostela), pola peza Urania, unha prenda feminina de moda de vangarda, elaborada en coiro, que busca trasladar elementos que teñen que ver cos códigos de vestimenta do fetiche, ligados á intimidade, e trasladalos a un ámbito popular e cotián grazas á artesanía.
Premio Traxectoria 2020: o ourive Ricardo Rivas Casal (Santiago de Compostela), pola súa destacada traxectoria profesional e divulgativa da ourivería compostelá, a proposta da Asociación Ourives de Compostela. Ricardo Rivas, dotado dunha destacada destreza e capacidade artística, dedica a súa vida á artesanía, foi membro da Comisión Galega da Artesanía durante 10 anos e membro fundador da Asociación de Ourives de Santiago, no ano 2018 foi agasallado coa Medalla de Prata na Gala de San Eloi, organizada polo Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia e a Federación Galega de Xoieiros.
Bolsa Eloy Gesto 2020: a Loaira Pérez, do obradoiro Raposiñas. Cerámica feita de vagar (A Pobra do Caramiñal), un obradoiro cerámico rural no que os conceptos marcan os deseños. Coa Bolsa Eloy Gesto terá a oportunidade de formarse no Cencal, Centro de Formación Profesional para a Industria Cerámica, en Caldas da Raínha (Portugal), así como na fábrica de cerámica portuguesa Bordallo Pinheiro, un referente internacional.