Premios Artesanía de Galicia 2021
Categorías:
- Premio Artesanía de Galicia 2021: dotado con 9.000€ e trofeo acreditativo
- Premio Traxectoria 2021: de carácter honorífico e trofeo acreditativo
- Bolsa Eloy Gesto 2021: dotada con 4.000€ para investir en formación especializada nun centro de prestixio e diploma
Gañadores:
Premio Artesanía de Galicia 2021: ao obradoiro Idoia Cuesta. Cestería Contemporánea, pola súa peza Abisal, un cesto elaborado con tanza de pesca, un material plástico e translúcido empregado habitualmente para a pesca artesanal, que conforma a peza central dunha colección de cestos máis ampla e baseada na zooloxía mariña.
Finalista Premio Artesanía de Galicia 2021: Santiago Besteiro Design (Monterroso), pola peza Candil, unha lámpada portátil elaborada en pel que busca revisar un elemento tradicional da cultura galega como é o candil e achegalo á funcionalidade e ao deseño contemporáneos.
Finalista Premio Artesanía de Galicia 2021: Jatafarta (Santiago de Compostela), pola peza Bolso Urbana, unha peza pensada para integrar varias funcións nun pequeno espazo, un bolso que introduce outros usos menos habituais pero prácticos nun entorno urbano, grazas á incorporación dun peto exterior, chegando a converter o propio bolso nunha continuación do brazo.
Premio Traxectoria 2021: Álvaro Seivane Magide, titular do Obradoiro de Gaitas Seivane, pola súa destacada traxectoria profesional e investigadora na gaita galega, a proposta da Asociación Galega de Artesáns. Álvaro Seivane é o continuador dunha herdanza familiar que ten as súas orixes no século pasado, desde 1939 co patriarca Xosé Manuel Seivane Rivas. Hoxe en día, Seivane é un apelido asociado á gaita, á calidade na produción e á innovación.
Premio Bolsa Eloy Gesto 2021: Julia de la Cal, do obradoiro de cestería La Parabólica (O Porriño). A Bolsa Eloy Gesto permitiralle formarse en Francia coa asociación L’Oserai du Possible, un referente no oficio do traballo con vimbio e coas plantas de teceduría.