Premios Artesanía de Galicia 2022

Categorías:

  • Premio Artesanía de Galicia 2022: dotado con 9.000€ e trofeo acreditativo
  • Premio Traxectoria 2022: de carácter honorífico e trofeo acreditativo
  • Bolsa Eloy Gesto 2022: dotada con 4.000€ para investir en formación especializada nun centro de prestixio e diploma

Gañadores:

Premio Artesanía de Galicia 2022: ao obradoiro Laura Delgado pola súa obra O mundo do revés. Coctelería peliqueira, unha colección de vasos de coctelería que imitan en porcelana o concepto dos vasos tiki decorados con elementos da cultura polinesia. Enlázanse co entroido tradicional da provincia de Ourense e representan os Peliqueiros de Laza, as Pantallas de Xinzo e os Felos de Esgos.

Finalista Premio Artesanía de Galicia 2022: Santiago Besteiro pola súa obra Chantos, un conxunto escultórico realizado con coiro moldeado e ratán, baseado nas pedras que tradicionalmente pechaban fincas no rural galego. Trátase de dúas formas de liñas simples e carácter arquitectónico que parecen emerxer da natureza amosando perennidade, unidade e forza.

Finalista Premio Artesanía de Galicia 2022: Raíces Nómadas pola súa obra Crioulo, un bolso de man elaborado en coiro con técnicas mixtas baseadas na soguería criolla e na marroquinería europea. O obxectivo é plasmar a fusión de culturas a través tanto dos materiais como das técnicas empregadas.

Finalista Premio Artesanía de Galicia 2022: Verónica Moar pola súa obra In itinere, unha proposta que lle rende homenaxe aos oficios como un dos patrimonios máis importantes da cultura popular galega, en concreto, con aqueles que implicaban o desprazamento dun lugar a outro, conservando durante anos as técnicas, os materiais, as ferramentas e o bo facer dos artesáns.

Premio Traxectoria 2022: Carmen Riveiro, titular do obradoiro Liño de Galicia, tecedeira e impulsora da recuperación do cultivo do liño en Galicia e da súa utilización para a artesanía téxtil. Carmen Riveiro é tamén presidenta da Asociación Amigos do Liño dende a súa creación no ano 1993, impulsou o Museo do Liño en Baio (Zas), e participa na Mostra de Artesanía e Vivo do Castelo de Vimianzo dende a súa creación.

Premio Bolsa Eloy Gesto 2022: Julia Vilariño, especializada na sombreirería. A Bolsa Eloy Gesto permitiralle continuar a súa formación artística con artesás de referencia en Galicia, en España e en Europa.