Premios Artesanía de Galicia 2024
Categorías:
- Premio Artesanía de Galicia 2024: dotado con 9.000€ e trofeo acreditativo
- Premio Traxectoria 2024: de carácter honorífico e trofeo acreditativo
- Bolsas Eloy Gesto 2024: tres bolsas dotadas con 4.000€ cada unha para investir en formación especializada nun centro de prestixio e diploma
Gañadores:
Premio Artesanía 2024: o obradoiro La Parabólica pola súa obra #Perifeira01, que supón a redefinición dunha cesta exenta do seu contexto tradicional e funcional para atopar un obxecto cheo de oportunidades estéticas. Unha peza que mestura tradición, contemporaneidade e innovación tanto nos materiais coma no deseño e elaboración.
Finalista Premio Artesanía de Galicia 2024: Santiago Besteiro, pola súa obra Culeiros, unha peza que reinterpreta en coiro e para o ámbito da decoración de interiores unhas cestas tradicionais co mesmo nome, que se empregaban para facer a vendima na zona da Ribeira Sacra.
Finalista Premio Artesanía de Galicia 2024: Aitor Martínez, pola súa obra JU, unha peza de carballo de gran volume torneada e baleirada a través dunha boca pequena. As fendas que se abriron de maneira inesperada durante o proceso de secado levaron o autor a converter esta peza nunha homenaxe ás persoas que viven con feridas e cicatrices e que aínda así teñen unha actitude optimista e inspiradora para os demais.
Premio Traxectoria 2024: para Albino Quinteiro Mora, artesán especializado no téxtil, investigador, docente e divulgador dos oficios artesanais e da artesanía de Galicia pola súa dilatada traxectoria e polo seu compromiso coa conservación, coa recuperación e coa transmisión pedagóxica dos oficios e técnica artesanais vinculados aos oficios téxtiles e a artesanía de Galicia.
Premios Bolsas Eloy Gesto 2024:
Carla Souto, especializada no deseño de xoias. Grazas á Bolsa Eloy Gesto 2024, poderá ampliar a súa formación na prestixiosa escola L´Ecole School of Jewelry Arts de Van Cleef & Arpels, en París, un referente da excelencia artesana e do deseño de produtos de luxo.
Mónica Bastón, titular do obradoiro Leónlagata, especializada na xoiería cerámica. A Bolsa Eloy Gesto 2024 permitiralle formarse no soprado de vidro de borosilicato na Escola Barcelona Glass Studio.
Santiago Besteiro (Monterroso, Lugo), especializado no coiro. Grazas á Bolsa Eloy Gesto 2024 ampliará a súa formación en Barcelona xunto á mestra artesá Mireia Estopá, referente internacional e especialista na técnica do lacado xaponés con Urushi.