Premios Artesanía de Galicia 2025

Categorías:

Premio Artesanía de Galicia 2025: dotado con 9.000€ e trofeo acreditativo
Premio Traxectoria 2025: de carácter honorífico e trofeo acreditativo
Bolsas Eloy Gesto 2025: tres bolsas dotadas con 4.000€ cada unha para investir en formación especializada nun centro de prestixio e diploma

Candidaturas gañadoras: 

Premio Artesanía 2025: os obradoiros Alberto Lista e Artesanía en Coiro Tres Pés pola súa peza conxunta Nemein, unha obra que rompe os límites da casa e convida a ser levada en movemento, a compartirse. Trátase dun xogo de té elaborado con barro de Buño que se transporta nun recipiente de coiro curtido, que busca ser tamén unha cerimonia portátil e unha alianza entre dous oficios 

Finalista Premio Artesanía de Galicia 2025: Jatafarta, pola súa obra Adega Modular, un sistema de almacenamento de botellas a través dunha estrutura de carácter modular elaborado con coiro reciclado e endurecido a través da técnica do coiro fervido. 

Finalista Premio Artesanía de Galicia 2025: Pal.lium pola súa obra Preto, unha prenda de vestir contemporánea baseada nos tradicionais mantóns do tear, coa técnica do levantado ou felpa, unha das máis antigas do tecido artesanal galego. 

Premio Traxectoria 2025: Antón Corral Martínez, artesán especializado na construción de gaitas dende os anos 70, pola súa inmensa achega á música e á artesanía galegas ao longo de máis de cinco décadas. Antón Corral foi pioneiro na recuperación, na experimentación e na difusión dos instrumentos populares galegos e converteuse nunha das persoas máis sobranceiras no eido da experimentación instrumental da música tradicional galega e o seu nome forma parte xa da historia cultural de Galicia. 

Premios Bolsas Eloy Gesto 2024:

Belén Martínez Avelleira, titular do obradoiro Casa Atlântica, para formarse no Basque Biodesign Center (Güenes, País Vasco), no Domaine de Boisbuchet (Francia) e no Museu da la Pauma (Mas de Barberans, Tarragona). O seu traballo céntrase na cestería contemporánea, unindo as técnicas tradicionais coas prácticas experimentais. As súas pezas abranguen dende obxectos de uso doméstico ata intervencións artísticas en colaboración con marcas e institucións culturais de prestixio internacional, sempre cunha ollada de respecto cara ás fibras naturais e ao aproveitamento de materiais reciclados. 

Cristina Molares Gómez, titular do obradoiro Vidrieras Artísticas Cosmo, fundado por seu pai de quen toma o relevo xeracional no oficio. Esta Bolsa permitiralle afondar nas técnicas do soprado de vidro e no traballo de vidro co soprete, no centro de formación Barcelona Glass Studios, especialistas na técnica Flameworking.

Pablo Sánchez Otero Guitarrero, especializado na construción de guitarras e doutros instrumentos de corda pulsada, que conta cunha experiencia profesional de máis de 10 anos, na que destaca o seu traballo como docente de construción de guitarras na International Lutherie School Antwerpen (Bélxica). Esta Bolsa permitiralle ampliar a súa formación no obradoiro de Jersey Girl Homemade Guitars, en Asahikawa (Xapón) cunha estética única no mundo da guitarrería moderna.