Artesanía no Prato reúne este domingo e o luns en Santiago a artesáns, cociñeiros e deseñadores para impulsar novos proxectos de colaboración

  • A Cidade da Cultura acolle as III Xornadas Profesionais Artesanía no Prato, enfocadas a incorporar as pezas da marca Artesanía de Galicia nos ámbitos da hostalería e da restauración, do comercio ou da decoración de interiores
  • Presentarán os seus produtos 33 obradoiros artesanais de oficios como a cerámica, a cestería, o coiro, a madeira, a olería, o vidro, o téxtil, a escultura, a estampaxe, a xoiería e a forxa
  • No encontro 10 chefs galegos de recoñecido prestixio realizarán demostracións gastronómicas en soportes de Artesanía de Galicia e con produtos de Galicia Calidade, PescadeRías e Mexillón de Galicia
  • Tamén se celebrarán tres coloquios arredor do papel da artesanía e do produto de proximidade no ámbito da cociña
  • Visitarán o encontro representantes do proxecto europeo Crafting Europe, que seleccionou Artesanía no Prato como exemplo de boas prácticas  

As III Xornadas Profesionais Artesanía no Prato reúnen este domingo 21 de novembro e o luns 22 a artesáns, cociñeiros e deseñadores co obxectivo de impulsar novos proxectos de colaboración. Esta iniciativa da Xunta, que se celebra con carácter bianual, consolídase como un evento de referencia no que se evidencia o potencial do produto artesán no ámbito da hostalería, da restauración e da decoración de interiores. 

Durante as xornadas, organizadas pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, coa colaboración de Galicia Calidade, desenvolveranse demostracións gastronómicas e diferentes coloquios. 

No Espazo Artesanía, de acceso libre e aberto ao público en horario de 11:30 a 21.00 horas, presentaranse produtos de 33 obradoiros da marca Artesanía de Galicia especializados en 11 oficios como a cerámica, a cestería, o coiro, a madeira, a olería, o vidro, o téxtil, a escultura, a estampaxe, a xoiería ou a forxa. Destes, un total de 10 obradoiros participan por primeira vez neste evento co obxectivo de abrir novas vías de comercialización e novas áreas de traballo para os seus proxectos. Trátase dos obradoiros de Vigo Arte Tradición Vexetal e Blaurtopías, dos obradoiros Jatafarta e Roni Herrán (Santiago de Compostela), Alfarería Lista (Malpica de Bergantiños), Cuchillos Artesanos Villar (Teo), Mar Barral (Catoira), Rake Cerámica (Baiona), Susana Anta (A Illa de Arousa) e Xaime Piñeiro (Allariz). 

Os outros 23 obradoiros que repiten a experiencia son os obradoiros da Coruña Arobe Cerámica, Branqueta e Arteviares; os obradoiros de Buño Alfarería Rulo e Obradoiro Gorín (Malpica de Bergantiños); Amorote Printing Workshop (Ames); os obradoiros de Cambre Belategui Regueiro e Laura Delgado Cerámica; Bria Concept (Mondoñedo); Celso Ferreiro (A Fonsagrada); Cerámica Unzueta (Brión); Cuchillos A. Castro (O Barco de Valdeorras); Idoia Cuesta Cestería Contemporánea (Outeiro de Rei); La Parabólica (O Porriño), Manuel Figueiras (Muros); Obradoiro F. Porto (A Estrada); Otero Regal – Ceramista (Viveiro); Raposiñas (A Pobra do Caramiñal); Uniformes 2.I (Lugo); Yanet Ruiz (Xinzo de Limia) e os obradoiros composteláns Degerónimo, Ilex Talla e Lorenzo Design. 

ESPAZO ENCONTRO
Unha das novidades da terceira edición destas xornadas é un espazo de coloquio arredor do papel da artesanía e do produto de proximidade no ámbito da cociña – denominado Espazo Encontro –no que participarán chefs, artesáns e expertos en materia de artesanía e no que se reflexionará sobre o deseño e a ética sostible, o impulso da innovación ou o proceso creativo do traballo artesán. Os debates serán de acceso libre. 

ESPAZO COCIÑA
Desenvolverase tamén o Espazo Cociña, no que se realizarán diferentes demostracións gastronómicas onde os asistentes poderán degustar pratos elaborados por recoñecidos chefs galegos servidos en pezas da marca Artesanía de Galicia e con produtos co selo Galicia Calidade, produtos de calidade PescadeRías e produtos da D.O.P. Mexillón de Galicia. A entrada ao Espazo Cociña está limitada e precísase invitación previa.

As demostracións comezan o domingo cunha sesión vermú a cargo dos chefs Moncho Bargo e Javier Freijeiro, do restaurante Pracer (A Coruña); e co showcooking do chef Iñaki Bretal, do restaurante Eirado da Leña (Pontevedra). Natalia Devesa e Adrián Reboredo, da Carrilana (Santiago de Compostela), encargaranse da sesión merenda, e os showcookings do domingo rematarán coa demostración de Adrián Felípez, chef do restaurante Miga (A Coruña). 

O luns 22 Álvaro Villasante, do restaurante Paprica (Lugo) será o encargado de comezar as demostracións gastronómicas; que continuarán María Varela, chef do restaurante A Parada das Bestas (Pidre, Lugo); Xoán Crujeiras, do restaurante Bido (A Coruña); e Jorge Gago, do restaurante A Maceta (Santiago de Compostela). 

EXEMPLO DE BOAS PRÁCTICAS
O domingo 21 está previsto recibir a visita de sete representantes do proxecto europeo Crafting Europe – no que a Fundación Artesanía de Galicia participa dende o ano 2020 – que o pasado mes de maio seleccionou o proxecto Artesanía no Prato como exemplo de Boas Prácticas para o sector da artesanía en Europa. O proxecto Artesanía no Prato iniciouse no ano 2013 co obxectivo de establecer sinerxías entre artesanía, gastronomía e deseño, e foi seleccionado en dúas ocasións como finalista nos Premios Nacionais de Artesanía, nos anos 2019 e 2020, na categoría de Premio Promociona para Entidades Públicas.