O encontro Corazón da Artesanía celebra desde mañá en Agolada a súa décima edición unindo oficios tradicionais, gastronomía e música

  • A Xunta de Galicia organiza no conxunto histórico-artístico dos Pendellos esta iniciativa na que se amosará entre mañá e o domingo o traballo de 53 artesáns de 25 oficios diferentes, e no que haberá 31 expositores de produtos gourmet
  • As actividades de Artesanía no Prato comezan mañá venres con dúas demostracións da cociñeira do Grupo Nove Bea Sotelo
  • O programa da primeira xornada botar a andar ás 11:00 e remata ás 22:00 horas cunha actuación musical de Zumaque na Praza do Concello

Mañá venres bota a andar nos Pendellos de Agolada (Pontevedra) a décima edición do Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, evento de referencia na promoción dos oficios de Artesanía de Galicia organizado pola Consellería de Economía, Industria e Innovación.

O Encontro arranca mañá cun amplo programa de actividades no que se inclúen demostracións en vivo de artesáns, exposición e venda de produtos gourmet, cursos de formación especializados, obradoiros abertos, actividades de música e baile e showcookings da mellor gastronomía galega servida en pezas da marca Artesanía de Galicia. O horario do evento será de 11:00 a 14:30 horas e de 16:00 a 21:30 horas.

Na edición deste ano está prevista a participación de 53 artesáns que representan 25 oficios diferentes, 38 como expositores de Artesanía de Galicia e outros 15 artesáns que participarán como docentes nos 8 cursos de formación e nos 6 talleres abertos para todos os públicos.

Durante os tres días do Encontro terán lugar sete cursos de formación especializada e centrados nos oficios da cestería, do coiro, do tecido en tear de baixo lizo, na estampaxe téxtil, no coiro, na madeira e no debuxo; mentres que os obradoiros abertos a todos os públicos iniciarán os asistentes no encaixe, elaboración de sanandresiños, torno cerámico, tapices, xoguetes de madeira e cestería.

Programa de mañá

A xornada de mañá venres 7 de xullo comeza ás 11:00 horas coa apertura dos expositores e o comezo das actividades de formación especializada e dos obradoiros abertos a todos os públicos, para dar paso ás 12:00 horas á inauguración oficial do Encontro.

A iniciativa Artesanía no Prato, que busca xuntar artesanía e gastronomía, ábrese mañá con dous showcookings a cargo da chef do Grupo Nove Bea Sotelo, que realizará dous pases en horario de 13:30 e de 15:00 horas. Bea Sotelo é a propietaria do restaurante Illas Gabeiras (Ferrol), tras a súa experiencia nos fogóns da Estación de Cambre, onde acadou unha Estrela Michelín e un Sol Repsol.

A programación gastronómica complétase cos 31 expositores de produtos gourmet que estarán abertos durante toda a xornada, aos que se lle engaden tres foodtrucks e un posto de polbo, o sábado e o domingo. A xornada de mañá venres pecharase a partir das 22:00 horas coa actuación musical de Zumaque na Praza do Concello.

Zumaque é unha formación integrada por tres músicos afincados en Compostela, cunha longa traxectoria nos seus ámbitos musicais. A arpista bretoa Bleuenn Le Friec, cunha dilatada experiencia na música sinfónica, o contrabaixista Alfonso Calvo, vencellado a múltiples proxectos do jazz e as músicas improvisadas, e o clarinetista Pablo Pascual, que desenvolveu a súa carreira en diversos ámbitos, sempre vinculado á música tradicional galega. Zumaque Trío propón un percorrido renovado polos diferentes ritmos da música tradicional cunha absoluta renovación estética, e cun importante espazo para a creación espontánea e a improvisación.