O proxecto Artesanía no Prato da Xunta de Galicia é recoñecido como exemplo de boas prácticas no programa europeo Crafts Code
- Esta iniciativa da Xunta de Galicia foi seleccionada para aparecer na plataforma de políticas formativas de Interreg Europe, como modelo para os sectores artesáns doutras rexións europeas para vincular a artesanía con outros sectores e crear sinerxías
- A Fundación Artesanía de Galicia participa desde o ano pasado neste programa europeo orientado a mellorar a competitividade das pemes no ámbito da artesanía, impulsar o seu crecemento e promover a innovación
- A Xunta prevé organizar as III Xornadas Profesionais Artesanía no Prato a finais deste ano
O proxecto Artesanía no Prato, impulsado pola Xunta de Galicia co obxectivo de establecer sinerxías entre artesanía, gastronomía e deseño, acaba de ser seleccionado como exemplo de boas prácticas no programa europeo Crafts Code. A plataforma de políticas formativas do Interreg Europe considera que Artesanía no Prato é un modelo a seguir para outras rexións de Europa que o poden aplicar para vincular a súa artesanía con outros sectores para mellorar e crear novos servizos.
A Fundación Artesanía de Galicia participa desde o ano pasado no programa Crafts Code, que en España está coordinado pola Escuela de Organización Industrial (EOI) e pola súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, e que está orientado a mellorar a competitividade das pemes no sector da artesanía a través do desenvolvemento dun marco que estimule as políticas formativas e as actividades de formación continua en colaboración con todos os stakeholders, ademais de mellorar a implementación de políticas e desenvolvemento rexional que apoien as pemes para fomentar e impulsar o seu crecemento e promover a innovación.
"Esta boa práctica demostra o potencial creativo dos artesáns locais conectándoos cun concepto aparentemente sen relación para crear unha nova e apaixonante experiencia, neste caso coa gastronomía”, sinalan desde a plataforma de políticas formativas de Interreg. Destacan, ademais, o grande éxito da iniciativa Artesanía no Prato en Galicia, na que participan máis de 40 artesáns traballando para cociñeiros, así como con grandes empresas distribuidoras de enxoval para a hostalería; e resalta o seu alto potencial para implementala noutras comunidades.
Xornadas Artesanía no Prato
Artesanía no Prato púxose en marcha no ano 2013 e está dedicada a xerar unha interrelación entre Artesanía de Galicia e a cociña galega máis vangardista, de xeito que os chefs máis destacados se convertan en abandeirados e promotores da marca. O proxecto foi unha iniciativa que comezou na segunda edición do Corazón da Artesanía, encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra en Agolada, grazas á colaboración de cociñeiros do Grupo Nove que comezaron a empregar pezas da marca nos seus showcookings.
No ano 2017, a Fundación Artesanía de Galicia fortaleceu a súa aposta a través da celebración das Primeiras Xornadas Profesionais de Artesanía no Prato, que tiveron continuación no ano 2019 coa segunda edición, e o evento converteuse no punto de referencia para a colaboración entre ambos os dous sectores. Froito destes anos de traballo están a xurdir proxectos de colaboración entre artesáns e cociñeiros que cada vez son máis numerosos. A finais deste ano 2021 está previsto organizar a terceira edición destas xornadas profesionais co obxectivo de evidenciar o valor da artesanía no ámbito da hostalería e da restauración. Este evento ofrecerá o escenario perfecto para revisitar elementos tradicionais da nosa artesanía, que se porán agora ao servizo da gastronomía incentivando novos proxectos de colaboración no ámbito do deseño de produto.