Unha trintena de obradoiros de Artesanía de Galicia participan en Santiago na feira creativa do Mercado da Estrela

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron a novena edición deste evento que se celebra ata o domingo 20 de decembro coa colaboración da Xunta
  • A mostra creativa está conformada por obradoiros especializados no téxtil, na xoiería, na olería, na pedra, na cerámica, na bixutería, na elaboración de complementos de moda, no coiro, no cartón pedra, na elaboración de xoguetes e no traballo das colareiras

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta tarde a novena edición do Mercado da Estrela, que se celebra coa colaboración da Xunta en varios espazos de Santiago de Compostela ata o domingo 20 de decembro. Un ano máis, Artesanía de Galicia protagoniza a Feira Creativa deste evento, que xa é un clásico na programación do Nadal compostelán, coa participación dun total de 30 obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía. Na súa visita, o director xeral de Comercio e Consumo salientou que este tipo de iniciativas de promoción da artesanía galega incentivan o consumo deste tipo de produtos nun ano no que o sector se viu afectado pola pandemia.

Os obradoiros de Artesanía de Galicia que participan nesta edición están especializados na elaboración de complementos de moda, no traballo das colareiras, na xoiería, no téxtil, no cartón pedra, na elaboración de xoguetes, na bixutería, na cerámica, no coiro e no traballo coa pedra. Esta mostra de artesáns poderase visitar no Claustro de San Martiño Pinario, en horario de 16:00 a 21:00 horas hoxe venres e de 11:00 a 21:00 horas o sábado e o domingo.

En concreto, os participantes son Enxógate (Quiroga), Pécora (Negreira), Unzueta cerámica (Brión), Adanegra (A Guarda), Milena Colella (Santiago de Compostela), Olería do Batán (Baños de Molgas), Mico Textil (Vigo), Alpacas As Bolboretas (Ourense), Xabier Artesanal (O Pereiro de Aguiar), Jerolas (Curtis), Latonta y Larubia (Santiago de Compostela), Emytelar (A Coruña), Pedras. Artesanía e patrimonio (Rianxo), deica! (Santiago de Compostela), Mamaié (Ourense), Hollymara (Redondela), Mario López – Joyería de autor (Vigo), IlexTalla (Santiago de Compostela), Leónlagata (Sanxenxo), Jatafarta (Santiago de Compostela), José Luis Canteiro (Vilalba), Las flores de Greta (Gondomar), Obradoiro Gorín (Malpica de Bergantiños), Floriforma (Teo), Montse Betanzos (O Grove), Conloquetengo (As Pontes), Muchachicha (Cercedo-Cotobade), Paseloqpase (Ribadumia), Dona Formiguinha (A Estrada) e Como pez en el agua (Vigo).